vb2bieitoiglesias.html
O
autor exerce de cazador de bolboretas, de efémeras actualidades
que os lectores poden atopar desecadas nas columnas de A Nosa
Terra, La Voz de Galicia, Grial, Galicia Internacional, Tempos
Novos... Tamén é responsable da dobraxe ó galego de certas
voces victorianas: Biblioteca Sherlock Holmes (1995-1997, nove
tomos). Todo isto a partir dos 30 anos. Antes estivo moi ocupado
en nacer e criarse nos bairros ourensás de Quintián e A
Chavasqueira, ó pé do Miño, dos ciganos, dos labregos
transplantados dos Chaos de Amoeiro e de Brunilda (nome co que se
coñece o virus da poliomelite). Entre os cinco e os once anos
morou nos lugares de Pol e Figueiredo -Concello de Coles-, onde o
deixaron, a cargo dos avós, os pais emigrantes. Alí recompilou
un arsenal de anécdotas e aprendeu o dialecto no que,
basicamente, escribe. Entrou en contacto serodio coa literatura
galega. Ás dazasete primaveras só tiña lido unha obra en
vernáculo, a lenda estampada nun cinseiro: Amigo que non dá
e coitelo que non corta, pouco importa. Esa experiencia non
o converteu en literato da noite prá mañá. Dedicou aínda tres
lustros á independencia de Galiza e a revolución socialista, a
conquistar unha muller e gañar a vida. Contra a norma xeral,
nunca cambiou de partido nin de compañeira, e si de lealdade
futbolística, oficiando de infante merengue, e de blaugrana ó
nacerlle a moa do xuízo.
Polo de agora a súa bibliografía
máis salientable é a que segue: Luanda, relato
premiado no certame de narraciós breves "Modesto R.
Figueiredo" (1988); Aventura en Nassau (Ed. Xerais,
1991, ISBN: 84-7507-563-0), relatos do desexo contrariado; Vento
de seda (Ed. Xerais, 1992, ISBN: 84-7507-665-3), novela da
memoria ferida; Miss Ourense (Ed. Galaxia, 1994, ISBN:
84-7154-898-2), relatos policiais; Conta os latidos (Ed.
Nigra, 1995, ISBN: 84-87709-33-8), nouvelle sobre o turismo e
outros regocixos; No sabía que doía tanto, narración
incluída na Antoloxía do Conto Galego de Medo (Ed. Galaxia,
1996, ISBN: 84-8288-035-7); Bajo las más bellas estrellas
(Ed. Algaida, 2000, ISBN: 84-7647-835-6), Premio Ciudad de
Salamanca, romance explorador do pasado como país estranxeiro; A
noite das cabras do aire (Ed. Xerais, 1999, ISBN:
84-8302-463-2), Premio Merlín de literatura infantil 1999; O
mellor francés de Barcelona (Ed. Galaxia, 2000, ISBN:
84-8288-287-2), Premio da Crítica 2001; A vida apoteósica
(Ed. Xerais, 2001, ISBN: 84-8302-643-0), novela sensacionalista
de sexo, violencia e misantropía, de humor e vidas enganadas; A
historia escríbese de noite (Ed. Galaxia, 2001, ISBN:
84-8288-469-7), Premio García Barros da Estrada, 2001, romance
encol do amor sacro e o amor profano.
A
obra bieitina versa -faltaría máis- sobre os grandes temas: a
política, o diñeiro, o sexo, a vida e a morte. Pero tamén
furga en pequenos enigmas: ¿Desde cando se comercializan as xardas en conserva? ¿Quen matou a Kennedy? ¿Como é que Orson
Welles lle regalou unha piscina chea de colonia a Rita Hayworth?
¿Acaso non sabía que a colonia proe naquel sitio?
Este menda non cre na literatura,
na política nin na sorte. Así e todo escribe, vota e bota
quinielas.
|