|
vb9carmenblanco
A escritora lucense Carmen Blanco
centrouse especialmente, como ensaísta, nas
interrelacións de poder, muller, sexo, cultura e literatura,
temática feminista e libertaria na que abriu camiño en
Galicia cos libros Literatura galega da muller (Xerais, 1991), Escritoras galegas (Compostela, 1992), Libros de mulleres (Do Cumio, 1994), 0 contradiscurso das mulleres (Nigra, 1995), Nais, damas, prostitutas e feirantas (Xerais, 1995), Mulleres e independencia (Do Castro, 1995), El contradiscurso de las mujeres (Nigra, 1997. Versión actualizada da obra homónima traducida por Olga Novo), Luz Pozo Garza: a ave do norte (Linteo, 2002), Alba de mulleres (Xerais, 2003), Sexo e lugar (Xerais, 2006) e María Mariño. Vida e obra (Xerais, 2007). Tamén é autora de Estraña estranxeira (BVG, 2004), mostra dunha obra poética en marcha, e, no xénero narrativo, do libro Vermella con lobos (Xerais, 2004), recreación libertaria de contos clásicos universais.
Sobre literatura e cultura galega publicou os libros Conversas con Carballo Calero (Galaxia, 1989) e Carballo Calero: política e cultura (Do Castro, 1991), así como diversas edicións introducidas de autores contemporáneos: Códice Calixtino (Xerais, 1992), Historias fidelísimas (Linteo, 2003) e Memoria solar (Linteo, 2004) de Luz Pozo Garza, e, en colaboración con Claudio Rodríguez Fer, Con pólvora e magnolias de X. L. Méndez Ferrín (Xerais, 1989) e Os eidos de Uxío Novoneyra (Xerais, 1990). Editou e introduciu a mostra bilingüe de poesía galega Extranjera en su patria
(Círculo de Lectores / Galaxia Gutenberg, 2005). Colaborou en
numerosos libros colectivos, actas de congresos, revistas
especializadas e xornais.
Formou parte do movemento feminista
galego dende o seus inicios nos anos setenta (Asociación Galega
da Muller e Feministas Independentes Galegas). Nos anos oitenta e
noventa participou na revista feminista Festa da Palabra Silenciada e colaborou na sección feminista colectiva "Lilith" de La Voz de Galicia.
É autora da letra do himno galego da Marcha Mundial das
Mulleres, "Marchando máis alá" (2000), interpretado por
Pilocha e Milladoiro.
En 1977 formou unha tribuna
libertaria denominada Unión Libre con
Claudio Rodríguez Fer, con que posteriormente coordina Unión libre. Cadernos de vida e culturas, revista anual que dedicou monográficos a Mulleres
escritoras, Labirintos celtas, Literaturas integrais, Erotismos,
Cantares, Negritudes, Indíxenas, Paz, Memoria antifascista de
Galicia, Amores, Vermellas e Cinemas (Do Castro, 1996-2007).
Creou o heterónimo Emma Luaces
en homenaxe á anarquista rusa Emma Goldman e á súa
liñaxe materna das Luaces da aldea de Ver, co que publicou unha
versión galega de Safo de Lesbos e o poemario "Lobo azul" nos
cadernos Unión libre. Mantivo a sección "Musa libertaria"
na revista Marea Negra dende
o ano 2004. Pertencente a familia represaliada polo franquismo,
é secretaria da Asociación para a Dignificación
das Vítimas do Fascismo dende a súa fundación no
ano 2005 e forma parte do Consello da Memoria dende o 2006.
Cultivou a creación plástica deseñando e ilustrando os poemarios Tigres de ternura (Reprografía 1846, 1981), Historia da lúa (Galaxia, 1984), Vulva (Libros da cebra, 1990) e A muller núa (Compostela, 1992) de Claudio Rodríguez Fer, ao igual que o Manifesto por un movemento vital (1990) deste mesmo autor.
Exerce como profesora titular de
Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela na
Facultade de Humanidades do Campus de Lugo e foi profesora agregada de
Lingua e Literatura Española e de Lingua e Literatura Galega de
ensino medio en Santiago de Compostela, Chantada e Lugo, así
como titular destas últimas disciplinas na Escola Universitaria
de Formación do Profesorado de Lugo.
En 1974 comezou a súa
relación amorosa con Claudio Rodríguez Fer, a quen
dedicará todos os seus libros e con quen terá a
súa filla Mariña.
[Febreiro, 2007]
|
|
|
|