Claudio Rodr�guez Fer


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb9rodriguezfer Reprodúcese, actualizada, a cronoloxía elaborada por Natalia Regueiro no libro Os mundos de Claudio Rodríguez Fer (Sada: Ediciós do Castro) e por Olga Novo na introdución a Unha tempada no paraíso (Noia: Toxosoutos).

1956 Nace en Lugo, fillo de Claudio Rodríguez Rubio, técnico muiñeiro zamorano, e Alicia Fernández Couso, mestra galega. Criarase e cursará o ensino primario na escola da nai, pero formarase ética e politicamente baixo a influencia humanística e progresista do pai.

1965 Comeza a escribir poesía habitualmente.

1966 Inicia o Bacharelato no Instituto Masculino de Lugo. Comeza a escribir narrativa breve.

1970 Inicia a súa militancia antifranquista no seo do movemento estudantil.

1972 Comeza a escribir "cinepoemas" e outros traballos sobre cine.

1973 Comeza a escribir composicións que formarán parte do seu libro inicial, como "Máis alá da saudade". Publica o seu primeiro artigo, "Entre Kafka y Shakespeare. El cine algebraico de Orson Welles".

1974 Comeza a estudar Filoloxía no Colexio Universitario de Lugo. Inicia a súa relación amorosa con Carmen Blanco, a quen dedicará seis libros e quen ilustrará varias obras do autor.

1975 Inicia o seu labor cine-clubístico organizando exhibicións universitarias e redactando folletos para o Club Cultural Valle-Inclán e o Cine-Club Marcos da Portela.

1976 Deixa Lugo e continúa a carreira en Santiago de Compostela.

1977 Forma, con Carmen Blanco, a tribuna libertaria galega Unión Libre, que publica panfletos literarios e colabora na revista Askatasuna.

1978 Licénciase en Filoloxía Hispánica. Comeza a dar clase no Instituto Masculino de Lugo. Publica o seu primeiro estudo, "Borges e o escepticismo esencial".

1979 Obtén, por oposición libre en Salamanca, praza de profesor agregado de Lingua e Literatura Españolas, e comeza a exercer no Instituto Xelmírez de Santiago de Compostela. Publica o seu primeiro libro, Poemas de amor sen morte.

1980 Obtén, por oposición libre en Madrid, praza de catedrático de Lingua e Literatura Españolas, e comeza a exercer como tal no Instituto Mixto de Chantada.

1981 Publica A Galicia misteriosa de Ánxel Fole, Tigres de ternura e a primeira versión de "Meta-relatos". Inicia en Barcelona a súa participación en encontros e congresos por diversos lugares de Europa (Portugal, Gran Bretaña, Francia).

1982 Tigres de ternura recibe o Premio da Crítica Española e reedítase con versión castelá.

1983 Publica Cinepoemas e "Fábula fauna". Edición pirata de Tigres de ternura. Nace en Lugo a súa filla Mariña.

1984 Publica Historia da lúa.

1985 Edita Contos de lobos de Fole. Escribe o guión da película documental Ánxel Fole.

1986 Comeza a investigar por Galicia sobre a literatura galega na guerra civil, labor que continuará desenvolvendo nos máis diversos lugares, dende a Unión Soviética ós Estados Unidos de América.

1987 Publica A boca violeta e Lugo blues. Imprímese a súa edición non nata de Cántigas de alén de Valente. Comeza a dar clase no Instituto Ánxel Fole de Lugo.

1988 Publica "Cebra" e Meta-relatos. Inicia o seu labor como guionista para vídeo.

1989 Publica Poesía galega e Antonio Machado e Galicia. Edita Contos de lobos e outros relatos de Fole, Cántigas de alén de Valente e, con Carmen Blanco, Con pólvora e magnolias de Ferrín. Inicia en Rusia e Polonia o seu ano sabático por licencia de investigación.

1990 Publica Vulva, "Tres" e Manifesto por un movemento vital. Inicia o anuario poético A Dama Amada. Reedítase Poesía galega, que recibe o Premio Losada Diéguez de Investigación. Edita, con Carmen Blanco, Os eidos de Novoneyra. Diserta en Suíza e investiga en Austria, Hungría e Checoslovaquia. Dirixe e cataloga a exposición sobre "Luís Pimentel". Comeza a dar clase no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.

1991 Publica Arte literaria e Cebra, así como contos eróticos en O relato breve e no Boletín galego de literatura. Doutórase cum laude coa tese "A literatura galega durante a guerra civil", que recibe Premio Extraordinario. Edita Guerra literaria de Dieste. Comeza a dirixir a colección de edicións críticas "Clásicos Galegos". Dirixe o curso de verán "Cunqueiro e a Cultura Europea" no Campus Universitario de Lugo.

1992 Exerce como profesor visitante no Centro Graduado da Universidade da Cidade de Nova York. Publica A muller núa. Edita Comentarios de textos contemporáneos, José Ángel Valente e Verbas de chumbo de Castelao.

1993 Edita Poesía perdida de Carballo Calero e Obras reunidas de Ángel Johán. Publica A muller loba. Dirixe o "Encontro Internacional sobre José Ángel Valente" en Santiago de Compostela. Obtén, por oposición en Santiago de Compostela, a titularidade de Literatura Española Contemporánea na Facultade de Humanidades de Lugo.

1994 Edita Comentarios de textos populares e de masas e Material Valente. Coordina o monográfico "Valente, cuestión cero" na revista Ínsula e participa no encontro e no posterior libro El silencio y la escucha: José Ángel Valente, organizados pola Universidade Complutense en Almería. Publica A literatura galega durante a guerra civil e A subnormalización da cultura galega.

1995 Forma parte dun equipo de investigación sobre "Muller e literatura en Galicia" con Carmen Blanco, da Universidade de Santiago de Compostela, e Diana Conchado, da Universidade da Cidade de Nova York. Exerce como profesor visitante na Universidade da Alta Bretaña, en Rennes. Inicia o díptico poético A tola soñando.

1996 Publica Extrema Europa e Acometida atlántica (Por un comparatísmo integral). Recibe o Premio de investigación Losada Diéguez por A literatura galega durante a guerra civil. Comeza a codirixir, con Carmen Blanco, Unión libre. Cadernos de vida e culturas, e con Alexandre Veiga, Moenia. Revista Lucense de Lingüística e Literatura. Edita Cántigas de alén de Valente, con gravados de Chillida, e Cartafolio galego de Fole. Olga Novo edita Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer. Fala en Puerto Rico e visita Roma.

1997 Publica Ánxel Fole. Vida e Obra e A unha muller descoñecida. Edita a Obra Galega Completa de Ánxel Fole, Ánxel Fole 1903-1986. Unha fotobiografía e O mundo lucense de Ánxel Fole, en colaboración con Armando Requeixo e outros investigadores. Pronuncia a conferencia inaugural do "Congreso Ánxel Fole" celebrado en Lugo. Viaxa a Cuba.

1998 Publica Guía de investigación literaria. Introduce A lenda do Gran Inquisidor, de Dostoievski. Presenta e coordina o monográfico sobre metodoloxías integrais do terceiro número de Unión libre. Natalia Regueiro publica Os mundos de Claudio Rodríguez Fer. Inclúese "Borges, escepticismo y fantasía" en El relato fantástico. Historia y sistema. Expón poesía visual no CGAC de Santiago de Compostela. Viaxa a Grecia e a Italia.

1999 Inclúe o poemario visual "As orixes dos mundos" no cuarto número de Unión libre, dedicado a "Erotismos". Olga Novo publica O lume vital de Claudio Rodríguez Fer. Apadriña a Valente na súa investidura como doutor "Honoris Causa" pola Universidade de Santiago de Compostela.

2000 Publica Rastros de vida e culturas con serigrafías de Eugenio Fernández Granel¡. Edición bilingüe galego-bretona da antoloxía poética de temática céltica Moito máis que mil anos, debida a María Lopo. É nomeado secretario da Cátedra de Poesía e Estética José Ángel Valente da Universidade de Santiago de Compostela. Publica "Georges Brassens. escepticismo ácrata e liberdade persoal" no quinto número de Unión libre.

2001 Coordina o monográfico sobre José Ángel Valente de Moenia. Edita Cima del canto de Valente. Realiza as estampacións "Man a man", publicadas no sexto número de Unión libre, con Sara Lamas, ilustradora da revista e de varios libros e proxectos do autor.

2002 Publica Belas e bestas en edición dixital e A vida. Gravados sobre corpo en carpeta de augafortes orixinais. Edita Cuaderno de versiones de Valente. Viaxe a Irlanda. Outono en Occitania, en inicio dun ano sabático na Universidade.

2003 Edita a Obra Literaria Completa de Ánxel Fole cun terceiro volume en castelán. Pasa parte da primavera e do verán en París. Viaxe por Escocia. Dirixe o curso de verán "Poetas europeos contemporáneos" no Campus Universitario de Lugo.

2004 Investigación no Institut Mémoires de l'édition contemporaine (IMEC) en París. Publica A loita continúa. Coordina o monográfico "Memoria antifascista de Galicia" no noveno número de Unión libre. Dirixe o curso de verán "Amor e literatura" no Campus Universitario de Lugo. Viaxe por Aquitania.

2005 Intervencións en Marrocos. Viaxes por Languedoc e Rosellón e pola Fisterra bretoa. Publica O muiñeiro misterioso e A bela mestra. Coordina o monográfico "Amores" no décimo número de Unión libre. É nomeado director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela. Promove a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.

2006 Publica Viaxes a ti, con gravados de Sara Lamas. Coordina o monográfico "Vermellas" no undécimo número de Unión libre. Participa na Primavera dos Poetas na Casa da Poesía de Rennes. Pronuncia a conferencia inaugural do "Congreso Interdisciplinar Eugenio Granell" en Santiago de Compostela. Promove e introduce a edición facsímil da revista Yunque, da que atopou a única colección completa coñecida.

2007 Viaxes pola Toscana. Organiza o encontro "Referentes europeos na estética de Valente" en Santiago de Compostela. dirixe o curso de verán "Vítimas do 36 en Galicia. Memoria e paz para sempre" no Campus Universitario de Lugo. Coordina o monográfico "Cinemas" no duodécimo número de Unión Libre. Colabora no libro colectivo Do amor e da literatura. Participa na inauguración da Biblioteca Valente do Instituto Cervantes de Marrakech e na conmemoración do XL aniversario da sociedade emigrante A Nosa Galiza en Xenebra. Viaxa a Venecia e escribe "Venecia venérea".

2008 Presenta en París a edición bilingüe galego-francés de Voyages à toi, traducida por María Lopo e Annick Boilève-Guerlet. Publica Borges e o labirinto galego en edición bilingüe, que presenta María Kodama en Bos Aires. Fala no Centro Galego de Bos Aires e na Irmandade Galega de Caracas. Reedítase O lume vital de Claudio Rodríguez Fer, de Olga Novo. Edita Valente: El fulgor y las tinieblas e recompila e introduce o volume de Ensayos das Obras completas de Valente. É secretario do curso de verán "Escritoras europeas de culturas minorizadas. Por un lugar libre para as linguas de Lilith". Viaxa a Florencia e polo Cornualles británico. Preside a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo e grávase en bronce o seu poema "A Juana Capdevielle" nun monumento conmemorativo erixido en Rábade. Coordina o monográfico "A voz das vítimas do 36" no número 13 de Unión libre. Exerce como profesor visitante na Universidade da Bretaña Sur, en Lorient.

2009 Publica Ámote vermella e realiza con Carmen Blanco a exposición Vermellas, sobre as mulleres represaliadas polo franquismo, en ambos casos con gravados de Sara Lamas. Presenta en Bretaña La lutte continue. Poèmes de la mémoire antifranquiste, traducidos por Annick Boilève-Guerlet e María Lopo. Edita Ensayos sobre José Ángel Valente de Juan Goytisolo. Visita Stonehenge e viaxa pola Campania, a Illa de Man e Normandía. Inaugura o encontro "Valente: memoria sonora" en Ourense e participa na homenaxe a este poeta en Madrid. Coordina o monográfico "Lugares" no número 14 de Unión Libre. Investiga en Cambridge e Oxford, onde diserta sobre Borges; fala sobre Cernuda na Universidade da Cidade de Nova York e por dúas veces sobre memoria histórica en Rennes.

2010 Publica Unha tempada no Paraíso (con introdución de Olga Novo), Os paraísos eróticos e Meus amores celtas, os tres ilustrados por Sara Lamas, participando coa mesma artista no libro Poetas con Valente. Investigación no Institut Mémoires de l'édition contemporaine (IMEC) en Normandía. Viaxa a Nova York, recita por dúas veces en Rennes e diserta en Berlín. Promove en Unión libre a colección de balde Poesía para tod@s, que se inicia con Poemas polas vítimas do 36 en Galicia e Poemas para Lugo. Grávase en pedra o seu poema "Paz para sempre" no memorial das vítimas do fascismo na Coruña. Edita privadamente Poemas para Carmen Blanco.

2011 Reúne a súa poesía en Amores e clamores e a súa narrativa en Contos e descontos. Publica Terra extrema de radiación amorosa en edición dixital. Con Carmen Blanco, inaugura a exposición Vermellas en Vigo e publica Vivas en nós. Mulleres represaliadas polo franquismo na Coruña a raíz de 1936. Presenta e acompaña a María Kodama en Galicia. Viaxa por Dinamarca e por Quebec, onde asiste ao congreso sobre texto e imaxe L'imaginaire de Montreal. Participa no Congreso Internacional sobre Literatura de Viaxe en Marrocos.

2012 Investiga nos Archives de la Planète do Musée Albert-Khan en Boulogne. Recitais "Amores e clamores" en homenaxe a Granell e a Díaz Pardo en colaboración coa mocidade das revistas Evohé e Paradisso. Nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade da Alta Bretaña en Rennes e Presidente de Honra da Asociación Mémoire del'Exil Républicain Espagnol en Brest. Edita Valente vital (Galicia, Madrid, Oxford) e os epistolarios de Valente con Guillén, Paz, Cortázar e Vargas Llosa. Prologa os contos de Granell. Participa xunto a Juan Goytisolo na conmemoración da Biblioteca Valente do Instituto Cervantes de Marrakech. Edición bilingüe galego-inglés de Tender tigers, traducida por Kathleen N. March, que se presentará en Nova York.

2013 Tempadas en Nova York, onde recita (City University of New York), investiga (New York University) e presenta "Revolución rosaliana en Nova York" (Spanish Benevolent Society). Exhibe o fondo fotográfico de Julio Cortázar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela e publica o libro Borges y todo (Escepticismo y otros laberintos) no Centro de Arte Moderno de Madrid. Edita o epistolario entre Jorge Guillén e José Ángel Valente.

2014 Retorna a Nova York e fala na Universidade de Princeton (Nova Jersey). Edita Poemas para lucenses, Poemas polas vítimas do 36 nas rías de Vigo e Pontevedra, Anarquista ou nada (Poemas da memoria libertaria) e Valente vital (Ginebra, Saboya, París). Edición bilingüe galego-francés de O cuarto bretón traducida por Marianne Equy e galego-inglés de Rosalía's revolution in New York traducida por Kathleen N. March, con quen ofrece o recital bilingüe de clausura do primeiro simposio de estudos galegos en Norteamérica celebrado en Milwaukee (Wisconsin). Participa na inauguración da placa cun poema de Valente aos españois mortos pola liberdade na Segunda Guerra Mundial no memorial de Annecy (Alta Saboia). Viaxa por Bélxica. Recibe con Carmen Blanco o Premio Galicia Mártir da Fundación Alexandre Bóveda. Participa co seu poema "Arsenal da barbarie" na inauguración da placa sobre os exiliados escravizados polos nazis durante a ocupación de Francia no búnker submarino de Brest (Bretaña).

2015 Intervén no Salón Internacional da Edición e do Libro de Casablanca. Edicións bilingües galego-castelán de Icebergs. Micropoemas reunidos, traducido por Tera Blanco de Saracho, que presenta en Madrid; galego-italiano de L'ansia di avere le ali, de varios tradutores, que presenta en Bolzano, e galego-inglés de Deathless Loves, en edición de Diana Conchado, que presenta en Nova York. Publica, en tradución súa, a edición galego-inglés Musgo / Moss, de Emily Dickinson e, en 35 linguas, A cabeleira, que presenta en recitais multilingües por Galicia e Nova York. .

[Xaneiro, 2016]


¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega