m1curafruime.html
Diego
Antonio Cernadas e Castro, nome de destaque entre os precursores
do noso Rexurdimento, nace en Santiago de Compostela no ano 1702.
Del sabemos que, tras estudar cos padres xesuítas, segue a
carreira eclesiástica, acabando por se facer cargo, con
vinteoito anos, da parroquia de Fruíme, moi próxima á súa
vila natal. Esta circunstancia daríalle o alcume de Cura de
Fruíme.
O seu labor literario concedeulle
grande sona na súa época e serviu de elo de unión con outros
intelectuais do momento, como o Padre Isla, con quen mantería
frecuente correspondencia. Considerado como o máis coñecido de
entre os poetas da Galiza do século XVIII, a produción galega
de Cernadas e Castro vai sobresaír pola súa vehemente defensa
do país fronte ao desprezo do que era obxecto na altura. Nas
súas quince composicións galegas, de carácter epigramático e
ton vivamente polémico, o Cura de Fruíme tratará unha variada
temática de circunstancias, da que son significativos títulos
"Befa do río da Chanca desairado da Fonte Nova",
"Estando doente dun reumatismo nun brazo regaloulle un
párroco veciño seu unha perna de carneiro" ou "Copras
galegas á acramazón de Don Carlos III".
O controvertido escritor e
relixioso falece en Fruíme en 1777. A súa extensísima obra
sería compilada de maneira póstuma en sete volumes.
|