Daniel Varela Bux�n

(1909 - 1986)

 

 
Obras
Biografía
 
mb4varelabuxan.html

     Manuel Daniel Vilela Buxán naceu na freguesía de San Verísimo de Lamas (A Estrada) en 1909. Logo de pasar a infancia separado dos pais —que traballaban de caseiros en diferentes lugares— regresou á casa materna, na parroquia lalinense de Cercio, onde traballou de zoqueiro e músico.
     En 1930 embarcou para Arxentina; xa instalado en Bos Aires exerceu diversas profesións, entre elas, vendedor de libros, garda de tranvía e corrector de probas nunha editora. Formou parte do coro Lembranzas da Terra, a partir do cal, fundaría —con Maruxa Villanueva e Fernando Iglesias "Tacholas"— a Compañía de Arte Regional Gallego 'Aires da Terra', que máis tarde pasou a ser Compañía Galega 'Maruxa Villanueva'. En 1938 estrearon, no Teatro Maravillas de Bos Aires, o primeiro texto dramático do autor, Se o sei... non volvo a casa. Castelao confioulle a Buxán a primeira encenación de Os vellos non deben namorarse; a estrea tivo lugar en agosto de 1941 no Teatro de Mayo de Bos Aires. Ata 1950, en que regresou á Galiza, sucedéronse as representacións das súas pezas nos teatros arxentinos.
     De volta á terra natal, Varela Buxán estudou en Ourense o Bacharelato Elemental e en Santiago de Compostela a carreira de Técnico Sanitario, profesión que exerceu o resto da súa vida e que compaxinou coa representación e publicación das súas pezas teatrais: O Ferreiro de Santán. Taberna sin dono (1975), A xustiza dun muiñeiro. Se o sei...non volvo a casa (1977) e O cego de Fornelos e outras comedias curtas, diálogos e monólogos (1981). O seu labor viuse premiado co recoñecemento por parte de diversas institucións que lle rendiron homenaxe; tanto na Galiza como no estranxeiro: Os concellos de Lalín e A Estrada, O Patronato de Cultura Galega de Montevideo, O Centro Cultural A Carballeira, o grupo de teatro Solpor...
     Manuel Varela Buxán, cunha saúde moi precaria nos últimos anos, morreu en Cercio en 1986.
     En 1997, cando se cumpría o undécimo aniversario do seu pasamento, o concello de Lalín descubriu un busto do patriarca do teatro galego na Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega