mb2blancoamor.html
Eduardo
Blanco Amor naceu en Ourense no ano 1897. Fillo
menor dunha familia modesta e autodidacta desde a infancia, en
1915 entrou como secretario de dirección en El diario de
Orense. Antes de emigrar á Arxentina en 1919, participou no
ambiente literario da cidade das Burgas e coñeceu o maxisterio
de Risco, fundamental no seu posicionamento militante en defensa
da causa galega e da universalidade da nosa literatura. Instalado
en Bos Aires, proseguiu a súa formación
en contacto coa vida cultural da emigración e con
intelectuais e artistas do continente. En 1923 fundou con Isla
Couto a revista galega Terra e, tres anos máis tarde,
ingresou na redacción do diario La Nación. A súa
carreira literaria comezou en 1928 coa publicación de Romances
Galegos. Neses anos realizou dúas viaxes á Península como
correspondente de La Nación. Na primeira (1929-31)
trabou contacto con Castelao, así como con varios intelectuais
do Partido Galeguista e do Grupo Nós. Aquí escribiu Poema
en catro tempos (1931), longa composición sinfónica de
filiación vangardista que publicaría na Arxentina. Xa en Bos
Aires, Otero pediulle que colaborase na revista Nós,
onde Blanco Amor publicou, ademais de poemas, tres capítulos de A
escadeira de Jacob, novela inconclusa. Na
segunda estadía (1933-35), coñecería algúns dos membros da
Xeración do 27 española.
Tras o levantamento militar,
defendeu desde a Arxentina a legalidade prebélica e
o Estatuto de Autonomía e impulsou o espallamento da nosa
literatura no continente americano. Porén, até o ano 1956, en
que publica Cancioneiro, a súa produción literaria
estivo redixida en español, nun intento fallido de se integrar
na cultura española.
Catedrático de Lectura Expresiva e
Interpretación de Textos no Conservatorio Arxentino desde 1952,
fundou e dirixiu o Teatro Popular Galego (1957), agrupación
dramática de curta vida. Antes de abandonar definitivamente
América, Blanco Amor publicou A Esmorga (1959), libro
que se constituiría nun dos grandes fitos da renovación da
narrativa galega.
Xa de volta en Galiza, regresa
tamén á cultura e a lingua galegas, dando ao prelo outra obra
de enorme éxito: Os biosbardos (1962). Aínda que se
viu ignorado pola oficialidade cultural, que o animara a regresar
para despois desamparalo, literariamente viviu os seus anos máis
fecundos. Tras publicar unha nova edición de A Esmorga
(1970) e a longa novela Xente ao lonxe (1972), centrou a
súa produción no teatro (Farsas para Títeres, 1973; Teatro
pra a xente, 1975) e interviu no intenso debate teatral do
momento.
Morreu en Vigo en 1979.
|