Elvira Riveiro Tob�o


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2elvirariveiro.html

     Segundo asegura miña nai, nacín o 5 de maio de 1971 no lugar do Cunchido, parroquia de Cerponzóns, concello de Pontevedra, na casa de Basilia a Chinchilla, que meus pais tiñan arrendada (500 pesetas de renda, 17 pesetas de luz) moi preto da morada patrucial paterna. Segunda de catro irmáns. Aos poucos meses traslado ao lugar de Guxilde, parroquia de Alba, no mesmo concello, onde a vivenda que meus pais construían coas súas propias mans comezaba a facerse habitábel.
    
Na casa non había libros nin entraban os xornais, ningún universitario na familia. Aínda teño na memoria a época na que non había auga corrente. Familia toda obreira e labrega.
    
Despois chegou a escola. Duro, moi duro ao comezo adaptarse a aquel idioma estraño que falaban os nenos da vila (eu non sei que di aquí, choraba). Pero a adaptación chegou logo e a asunción daquela lingua dura e allea (a vergonza da propia). Ser a máis lista da clase. Tamén a máis calada e introvertida. A máis fermosa até que miña nai resolveu cortarme as trenzas despois da primeira comuñón.
    
Coa escola chegou a poesía, a súa luz, a súa música silenciosa (coma min), e ficoume colada aos dedos xa sen remedio.
    
O colexio, o instituto, combinábanse cos traballos da casa. As nosas actividades extraescolares eran, daquela, levar a pastar as ovellas ou as cabras, ir apañar herba á veiga, axudar coas patacas ou co millo, agarrarlle á porca a pata durante a matanza ou asistila no parto para que vivisen o maior número de bácoros. Tamén os xogos cos/as rapaces/as do lugar.
    
A poesía era entón inxenua, rimada e en galego, como querendo que saíse por algún lado o idioma que só era lícito falar no núcleo familiar. A alienación (inconsciente) tiña nomes coma o do libro de sociedad: España y sus hombres, titulábase. O recoñecemento do propio viña da man do primeiro libro que tiven (sen ser os da escola): Follas Novas de Rosalía de Castro (edicións Castrelos), que me regalaron meus pais cando debía ter 10 anos, coñecedores xa do virus da poesía que se me estendía en irremediábel metástase. Fun rosaliana durante anos, incluída a época do instituto. Precisamente nesa etapa presenteime a dous certames de poesía que organizaban conxuntamente o meu centro de ensino e o do lado, alentada polo profesor de literatura galega (Manolo Figueiras, actual artífice da filix.org). Con aqueles poemas inmaturos e anacrónicos gañei os certames. Co primeiro dos premios comprei os dicionarios de latín e de grego, co outro, unha edición moi fermosa de varios relatos de Méndez Ferrín (quen xa me tocara coa maxia da súa palabra cando lera nun libro de texto o inesquecíbel Grieih). De ser rosaliana pasei a ser ferriniana (confeso que aínda non deixei de selo).
    
Eu quería facer Historia da Arte ou Arqueoloxía, pero meus pais non me querían lonxe do niño. Tampouco había cartos para manterme en Compostela, así que me tocou facer maxisterio en Pontevedra. Estudei con sucesivas bolsas e, ao rematar, traballei durante un ano para poder ir a Santiago e facer, finalmente, Filoloxía Galego-Portuguesa.
    
A poesía sempre, sempre a poesía, mais para a gabeta (ou para o lixo).
    
En Compostela recuperei definitivamente o idioma propio. Alí a amizade, alí o amor, alí a vida (a universitaria, por veces, decepcionante). Tiven bolsas de estudos nas universidades de Lisboa e de Coimbra. Portugal xa sempre canda min, desde entón.
    
Ao acabar a carreira chegou o choque: o desemprego, a falta de perspectivas, o non futuro. Fun nai e seguín a escribir para ninguén ler non sendo eu mesma e un círculo ultrarreducido.
    
Con 30 anos (2001) mandei algo aos Relatos de Verán de La Voz de Galicia. Despois máis cousas a páxinas literarias de internet (Biblioteca Virtual Galega, andar21, alkionehoxe, contos ínfimos, Palavreiros do Brasil...) Comezaron a chamarme para algún recital. O virus converteuse en droga. Fíxenme das Redes Escarlata. Non deixei, ata hoxe, de mandar textos á web (incomunidade, espasmo, limiar libros, a porta verde do sétimo andar...) e a algunha publicación periódica (A Caramuxa, Verbo Xido, El Correo Gallego, etc.).
    
No 2003 concedéronme o primeiro premio no certame Rosalía de Castro de Cornellà (Barcelona) e no 2004 unha mención especial no Faustino Rey Romero (Rianxo). Satisfacción persoal pero non présa por publicar a pesar de certa insistencia de amigos e colegas. Boteille unha man ao concello de Poio na organización de varias edicións do festival "Poetas na rúa" e a Alberto Augusto Miranda na organización do filo-café "O estando" (Allariz, 2004). Atrevinme a prologar o libro de poesía Mares de Queijo, do poeta e amigo Ramiro Vidal Alvarinho (GZe-ditora, 2004).
    
Durante varios meses mantiven na rede un blog (Furor Scribendi) de temática principalmente literaria, que fixen desaparecer por fastío e crise persoal. Logo iniciei outro weblog centrado na poesía visual, obxectual, concreta, experimental... que aínda segue na rede co nome de visualobxectual. No ámbito da poesía visual colaborei durante meses co portal culturagalega.org cunha sección denominada Inventario Indócil. Esta colaboración truncouse pola miña partida cara ás Canarias, onde pasei uns meses traballando na hostalería, dada a falta de perspectivas laborais en Galiza.
    
Entre 2004 e 2005 xurdiu a dupla posibilidade de publicar en solitario, despois de facelo en proxectos colectivos: Sempre Mar. Cultura contra a Burla Negra, Os gozos e as sombras. 10+10 novas visións ou Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia. O pintor Antón Sobral logrou convencerme para entregar un libro de poemas meu a Luís Rei, quen ten ao seu coidado a colección Tambo da Deputación de Pontevedra. Antón levou o libro porque eu me sentía incapaz de acometer semellante ousadía. De aí saíu Andar ao leu, en xullo de 2005.
    
Logo de regresar da fracasada estadía en Tenerife, o poeta Cándido Duro quixo presentarme o editor Sabino Torres, que me pediu un conxunto de textos poéticos para a colección Hipocampo Amigo. A seguir veu a publicación de Arxilosa, onde incluín os poemas que gañaran o certame de Cornellà e algúns outros máis recentes. A cousa literaria non acaba aquí; logo sobrevén o rodopío de danos colaterais da literatura: presentacións, entrevistas, críticas... esas cousas.
    
Dentro duns meses é posíbel que un novo libro de poemas (aínda en xestación) apareza nun utópico proxecto editorial de axitación cultural-mental movido polo desexo. Entre tanto, combino a escrita e as lecturas (por veces compulsivas, por veces fragmentarias) con ocupacións laborais dispersas relacionadas principalmente coa miña formación en lingua galega e en cerámica, dedicación (quizais demasiado fragmentaria tamén) a aquelas persoas que están preto de min e participación en proxectos persoais e colectivos polos que creo que paga a pena mexer o corpo e as neuronas.
    
E por baixo da existencia mesma, tantas veces cincenta e excrementicia, refulxente outras, a poesía segue a fluír, subterránea e diastólica. A POESÍA.

[Guxilde, outono de 2005]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe á autora?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega