mb3emiliopita.html
Emilio Pita naceu na
cidade da Coruña en 1909 e con tan só doce anos emigrou a Bos Aires. Regresou
á Galiza cando se proclamou a II República, onde viviu durante os anos 1933 e
1934. Logo marchou de novo e non voltou a visitar a terra natal.
Pita, que comezara a traballar nunha casa comercial de
Bos Aires, foi un autodidacta que chegou a posuír unha grande formación
literaria e musical.
Na década de trinta comezou a colaborar con
publicacións nacionalistas da propia Galiza, escribindo artigos para a Revista Nós
de Santiago e Yunque de Lugo.
Publicou algúns libros de versos: Jacobusland (1942),
Cantigas de nenos (1944), Os relembros. As cantigas (1959), O
ronsel verdegal (1964) e Serán (1974). En 1963 presentou o poemario
Polos camiños do pobo ao premio Rosalía de Castro do Centro Galego de
Bos Aires, libro que sería editado postumamente en 1999. Con motivo da aparición do
seu libro Os relembros. As cantigas, en 1959, fíxoselle unha homenaxe
nos salóns do Centro Pontevedrés Bonaerense; alí estaban presentes diversas
delegacións de Centros Galegos e interviron para falaren da figura e obra
poética de Emilio Pita, Eduardo Blanco Amor e Ramón Súarez Picallo.
Compuxo numerosos poemas, algúns dos cales aparecen
recollidos no Cancioneiro da loita galega, editado en México en 1943
polo Partido Galeguista. Xunto con Lorenzo Varela e
Luís
Seoane, é un dos
primeiros escritores do noso social-realismo poético.
Alén de poeta e xornalista, o escritor herculino foi
tamén musicólogo; o seu amor pola música galega levouno a fundar o cuarteto
Ultreya coa finalidade de difundir a nosa música tradicional. Con anterioridade
participara na dirección artística do Coro Lembranzas de Ultreya, fundado en
1932.
Membro correspondente da Real Academia Galega, escribiu
a parte dedicada á música e danza da Historia de Galiza dirixida
por Ramón Otero
Pedrayo, e foi autor dun traballo sobre música popular galega.
Faleceu en 1981.
|