mb4ernestoguerradacal.html
Ernesto Guerra da Cal
naceu en Ferrol no ano 1911. Á morte do pai, a familia transladouse a Quiroga
(Lugo), onde transcorreu a súa infancia. Viaxou a Madrid, para realizar estudos de Bacharelato e de Filosofía e Letras. Durante os anos da II
República tomou contacto coas figuras máis destacadas da intelectualidade
galega; na Guerra Civil alistouse nas Milicias Galegas e combateu na fronte de
Toledo. Posteriormente ampliou en Nova Iorque a súa formación.
En 1951 xa co doutoramento en Filoloxía Románica pola
Columbia University, conseguiu a cátedra de Linguas e Literaturas Románicas e
máis tarde dirixiría o Departamento de Español e Portugués do Washington
Square College; tamén foi colaborador activo da Radio Oficial de Suecia e na
Voz de América.
De ideoloxía nacionalista, defensor da integración de
Galiza no mundo lusófono e da dignificación da lingua galega, Guerra da Cal
renunciou á nacionalidade española e á posibilidade de regresar ao país.
En 1954 publicou Lingua e Estilo de Eça de Queiroz,
ademais de varias monografías, ensaios colaboracións e traducións para
antoloxías, dicionarios, enciclopedias e revistas de diferentes continentes.
Dous anos despois redixiu as páxinas galegas do Dicionario das Literaturas
Portuguesa, Galega e Brasileira.
Os seus poemarios marcaron o camiño do
reintegracionismo moderno: Lúa de Além-Mar (1959), Poemas (1961), Río de
Sonho e Tempo (1962), Motivos do Eu (1966), Futuro
Imemorial (1985), Deus,
Tempo, Morte, Amor e outras Bagatelas (1987) e Espelho Cego (1990). Alén disto,
publicou dúas obras centradas na figura de Rosalía de
Castro: Antologia
Poética. Cancioneiro Rosaliano (1985) e Seis Poemas a Rosalia de Castro (1988).
Caracol ao Pôr do Sol (1992) foi o seu derradeiro poemario, publicado
postumamente en 2001.
Ernesto Guerra da Cal obtivo ao longo da súa vida
numerosas distincións académicas e institucionais; así, concedéronlle a
medalla Padre Anchieta, a chave da Cidade de Rio de Janeiro, a medalla Oskar
Nobiling, da Sociedade Brasileira de Lingua e Literatura; tamén foi Presidente
de honra do I e II Congreso Internacional da Lingua Galaico-Portuguesa, socio da
Academia de Ciencias de Lisboa e da Sociedade de Xeografía, membro da Academia
Internacional da Cultura Portuguesa e Doutor Honoris Causa polas Universidades
de Bahia e Coimbra.
En 1977 retirouse a Estoril. Morreu na capital
portuguesa en 1994.
|