Eva Veiga


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb1evaveiga.html

     Son de Ombre, única patria que recoñezo como tal. Neste lugar, pertencente ó concello de Pontedeume, nacín un 22 de octubre de 1961. Era Outono e daquela a aldea recendía a cocedura de pan e ó loureiro co que se limpaba o forno, a bagazo, a herba mixturada con menta recén ceifada, a millo madurecido. No ceo voaba o miñato e alí, onde o río Eume se entrega ó mar, unha draga quitaba area dos fondos.
     Miña avoa, que apenas podía camiñar, sentaba polas tardes nun asentadoiro do muro da casa que lindaba co camiño. Eu pasaba as horas ó seu carón e ela contábame historias da guerra civil, da vida dos homes nas fragas, de nigromantes, de mouras que casaban con canteiros que viñan traballar ó mosteiro de Caaveiro, e mouros que fixeron nunha noite o Castelo de Andrade, da Santa Compaña e do demo que disfrazado se aparecía polos camiños para tentar a quen puidese.
     Meus pais non consentían escoitar iso que eles chamaban fantasías e supersticións, sen embargo nunca poideron impedir que eu entrase e saíse con absoluta naturalidade dese máxico mundo no que habitaba entre outros seres meu avó a quen nunca coñecín físicamente.
     Miña avoa adeprendeume tamén coplas e romances antigos, así como a difícil arte de regueifar e, seguramente, foi todo isto o xermolo dunha vocación poética que non tardaría en espertar.
     Cando tiña catro anos, a mestra de Ombre permitiume ir á escola na que compartiamos espacio dende os máis pequenos ós máis grandes.
     Foi aquela Dona Carmen quen me proporcionou a experiencia estética máis intensa da miña vida ó recitar un poema que logo ela mesma explicaría. O meu fascinio non era tanto polo que nel se dicía senon polo extrano e fermoso modo de se uni-las palabras.
     Na hora do xantar dixen que quería ser poeta e os da casa non sabían se rir ou chorar.
     O certo é que aprendín axiña a ler e a escribir, e tampouco tardei en facer poemas, incluso por encargo das amiguiñas que me pedían versos sobre o seu nome propio ou para a súa nai.
     Pouco despois, e dada a miña afección pola radio, amosei a miña intención de ser locutora; tampouco me fixeron moito caso. Pero o que enton importaba realmente era a vida que abrotaba a cada instante, que se abría como unha flor. A vida que era aquel mundo redondo e inmenso formado por un val que mudaba a cada estación e a súa coroa de montes perennes. Este mundo tiña, sen embargo, unha fuga: a infinitude azul do mar.
     Dúas pontes atravesaban a Ría de Pontedeume: a de pedra e a de ferro ou do tren.
     Pola primeira fun, cando tiña dez anos, a estudiar a Mugardos a E.X.B.
     Pola segunda, marchei primeiro a Coruña e logo a Compostela para realiza-los estudios de Filoloxía Inglesa.
     Pero, agora penso que hai un destino para os soños que nos soñaron, para os desexos que nos crearon.
     En 1985 empecei a traballar en El Ideal Gallego e nese mesmo ano unha serie de casualidades leváronme a Televisión de Galicia. Neste medio tiven a oportunidade de desenvolver durante sete anos a profesión xornalística e de presentadora en eidos tan diversos como o "magazine", o telexornal, o "talk show", a entrevista e o documental (Entre Nos, De Pérfil, Mesa Reservada, Galicia no Tempo....).
     O traballo en televisión deixoume pouco tempo para a poesía e, aínda que seguía a escribir, só publiquei esporádicamente en algunha revista ou participaba en recitais, ata que en 1992 recibín o Accesit do XII Premio Esquío de Poesía co libro Fuxidíos.
     En 1993, e cando estaba a realizar senllos cursos de Dirección de cine e de teatro, unha grave enfermidade (leucemia e posterior transplante de médula ósea) obrigoume a unha longa convalecencia da que hoxe en día me sinto felizmente restablecida.
     Este suceso significou, sen embargo, un cambio de agullas na miña traxectoria vital e profesional.
     En calquera caso, durante ese período colaborei en diversas publicacións e escribín un artigo semanal, baixo o epígrafe "Daquela Maneira" no xornal O Correo Galego.
     Publico tamén algúns relatos cortos como "A ventá" ou "O xornal".
     En 1994 realizo, xunto ó pintor Alfonso Costa, o cartafol de poemas e gravados Paisaxes do baleiro. E este será, asemade, o título do poemario que en 1999 edito con Edicións Xerais.
     Agora, adico a meirande parte do tempo á escrita, aínda que o máis certo é que me enredo con canto me sae ó paso. Quizáis sexa porque sinto certa avidez de vivir, como naquelas tardes de infancia na aldea, tardes de plenitude que só o poema é quen de me devolver.

[Febreiro, 2002]


¿Quéreslle mandar unha mensaxe á autora?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega