Fina Casalderrey


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb1fcasalderrey.html

     ¡Un texto autobiográfico! É mágoa que teña que ser eu quen o escriba. Se lle deran a oportunidade a meus pais (xa non teño avós) exporían calidades extraordinarias sobre a miña persoa e méritos incribles arredor do meu traballo. Eu... ¿que podo dicir? Non son unha beleza de pasarela, non nacín nun pazo e, de nena, nin sequera tiñamos biblioteca no barrio (¡imaxinade no colexio ou na casa!). Non pasei fame de xurelos nin de cariño, mesmo engadiría que nin de historias (contábanmas meu pai e a radio), pero si de libros, aínda que os que afanaba ás agachadelas sabían a larpeiradas. E é que, no meu ambiente, case era pecado ler cousas que non levasen por título Matemáticas, Xeografía...
     Aquela escaseza de lecturas paréceme irrecuperable e síntoa coma unha enfermidade que quixera deter a medida que cumpro anos, para que non siga avanzando. Quizais por iso, cando entro nunha gran librería sinto unha mestura de gozo e de angustia. ¡Cantos libros! ¡Que marabilla! ¡Como me gustaría lelos todos! ¿A metade? ¡Imposible! O tempo, o tempo... Por se acaso, merco os que podo, aínda que non os lea todos. Son coma unha manta que gardo para os días de frío coa que me sinto protexida.
     Nacín en Xeve (Pontevedra). A miña infancia desenvolveuse entre Xeve e Lérez (onde vivo actualmente) nun ambiente rural, cheo de vivencias, para min, entrañables.
     Cando aprendín a utilizar a palabra, pedín unha irmá. Insistinlles moito a meus pais para que fosen á feira a comprarma antes de que se esgotasen as mellores. Tardaron case oito anos en me facer caso, pero á fin trouxéronma e fun a nena máis feliz do mundo.
     Recordo as alegres merendas nas leiras, os desgustos por non me poder quedar cun gato que atopara nun camiño...
     Outro dos meus grandes desexos foi ter unhas botas de goma para poder meterme nas pozas. Odiaba os zocos, facían tanto ruído que tiña a sensación de portar un transmisor que avisaba a cotío da miña situación. As frieiras das mans refregando un pano enxaboado no lavadoiro non eran cousa divertida, pero as conversas "politicamente incorrectas" das lavandeiras de oficio si que pagaban a pena.
     Da escola, o máis fermoso que recordo é aquela caixa de botelliñas con tintas de cores. Cando rematei o bacharelato, meus pais, economicamente humildes, deixáronme decidir sobre o meu futuro: ¿queres coser ou facer maxisterio? Decanteime por isto último e aquí sigo (agora nun I.E.S.). O día que cheguei á miña primeira escola (con dezanove anos) chorei, e o día que me tiven que despedir dela, chorei moito máis.
     Gustaríame saber moito máis do que sei, pero, ás veces, deléitome deitada na herba mirando ó ceo. Gustaríame ter feito máis cousas, viaxar máis... Desexaría seguir sempre unida ós meus por unha cola elástica... A primeira vez que saín da miña terra tiven a sensación de que o mundo se ía encollendo ó meu paso, e hoxe non entendo como sendo tan pequeno podemos estar tan afastados uns dos outros.
     Na miña infancia, a rapazada carrexabamos auga a caldeiros. Cando deixaba este labor para a noitiña, vía vellas malvadas nas silveiras do camiño que levaba á fonte do Gramal. Teño sentido (e aínda os sinto) como corrían os trasgos polo tellado da miña casa...; Desgustárame cando o gato do veciño fora atropelado. Coidaba que tiña que escoller entre casar ou facerme monxa, e resolvín que tería que meterme a monxa; hoxe estou casada e teño un fillo e unha filla que, pola súa idade, case son amigos.
     Encántame recitar poemas, aínda que non os escribise eu, gústame ler e descubrín que escribir permíteme ter e facer bastantes cousas. Tamén me gustan as nenas e os nenos (vivos, non frixidos), comer, bailar, falar cos amigos, rir... Querer e sentirme querida segue sendo moi importante para min, anque me ocupe tempo.
     Ás veces, apetéceme mesturar as miñas propias vivencias cos soños, coa imaxinación, coa fantasía... e crear historias na miña mente, que só despois de darlles moitas voltas paso ó papel.
     Tamén teño saboreado a investigación aprendendo cousas sobre a cultura da miña terra, das miñas xentes, que logo procurei compartir. Así naceron varios libros relacionados coa gastronomía escritos sempre en colaboración con Mariano García (o meu compañeiro de sempre); ou traballos sobre os cabazos, a climatoloxía e astroloxía popular, os xogos, a medicina popular... cos que, e gracias á colaboración dos meus alumnos e alumnas, acadamos algúns premios.
     Outra das miñas afeccións é o teatro, poder meterme na pel de diferentes personaxes... Para a escola teño escrito, dirixido ou mesmo representado algunha peciña. Iso fíxome gozar extraordinariamente.
     Estou intentando aprender dende hai máis dun ano, e gracias a un xornal galego, a facer artigos xornalísticos tódolos sábados... E, de cando en vez, nalgún outro medio. Como pode observarse precisaría dese verniz co que só unha avoa sabe pintar as insignificancias para dar cores de importancia á miña biografía.
     E se é certa a afirmación de que nos marcan as nosas circunstancias, que estamos feitos do que lembramos, intúo que esas cousas tan cativas inflúen no meu xeito de escribir.

[Febreiro, 2002]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe á autora?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega