Fran Alonso


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb3franalonso2.html

     Aínda que non o lembro, nacín en Vigo, en 1963. E dígoo, porque sería sensacional que me lembrase de tan decisivo acontecemento para a miña historia persoal. Son licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, e sempre desenvolvín o meu labor profesional nos ámbitos do xornalismo e da edición. Tamén cursei estudios de posgrao en Literatura Infantil durante dous anos na Facultade de Ciencias da Información de Cuenca. Formei parte da redacción do Diario 16 de Galicia e desde 1992 traballo en Edicións Xerais de Galicia, onde na actualidade son Subdirector para a Edición Xeral. Ademais, dirixo a colección de narrativa Abismos e dirixín a colección de poesía Ablativo Absoluto. En 1996 presentei un breve espacio dedicado aos libros na televisión local de Vigo. Son colaborador habitual do diario La Voz de Galicia, do semanario A Nosa Terra e manteño regularmente actualizado o weblog http://cabrafanada.blogspot.com/, onde vou deitando anécdotas, opinións e arroutadas que me provoca a espontaneidade do cotián. Ese é o meu Cosmocaderno, e convídovos a visitalo.
     Entre outros, recibín o Premio Blanco Amor de Novela Longa, o Premio Rañolas de Literatura Infantil e Xuvenil ao mellor libro do ano, o Premio Losada Diéguez de Creación Literaria e a distinción White Ravens da Internationale Jugendbibliothek de Múnic. Como narrador publiquei Tráiler (1991), Cemiterio de elefantes (1994), Silencio (1995), O brillo dos elefantes (1999) e Males de cabeza (2001). Abordei a poesía en Persianas, pedramol e outros nervios (1992); Tortillas para os obreiros (1996); Cidades (1997), e Subversións (2001), volume este último que recolle tamén toda a miña obra poética anterior. Ademais, publiquei o libro mixto A lúa no probador (1992) e, como xornalista, nun parto difícil, dei á luz Territorio ocupado (1998), unha crónica de literatura periodística sobre o conflicto saharauí. Tamén viaxei pola Nicaragua asolada polo furacán Mitch, acompañado do fotógrafo Manuel G. Vicente, realizando diversas reportaxes. Os meus libros Cidades e O brillo dos elefantes publicáronse en coleccións destinadas ao público infantil e xuvenil, igual que o álbum ilustrado A casa da duna (2002), realizado en colaboración co fotógrafo Manuel G. Vicente. Tamén son coautor da traducción ao galego do Polgariño (1995), de Charles Perrault.
     E, aínda que parece que xa rematei, quixera dicir algo máis sobre min. O máis importante que quero dicir é que eu son un tipo normal. Non, de verdade, dígovolo en serio. Eu son un tipo normal. Digo isto porque moita xente pensa que os escritores somos tipos raros, xente doutro mundo. Haberá quen sexan tipos raros, non digo que non. Ben, pois eu son un tipo normal. Un pouco despistado, iso si, pero normal. Gústame a literatura pero, a verdade, gústame moito máis a vida. Hai moitas cousas que me gustan, e a maior parte delas teñen que ver con gozar da vida. Apaixóname viaxar. Encántame ler no váter. E devezo polas noces con pan. Parecen estupendas banalidades, pero interésame moito a teoría do banal.
     Con respecto ao de viaxar, non son un tipo nada mirado. Disfruto tanto dun bo hotel como de pasar a noite nunha tenda de campaña e quedar a durmir sobre a herba, mirando as estrelas (non é para inspirarme, porque inspirarme, o que se di inspirarme fágoo moito mellor cheirando o aceite mesto e pastoso da señora Lola, que fai tortillas para os obreiros). Por certo, xa que estamos, direi que eu non creo que a poesía sexa ese xénero estúpido e bucólico no que un se inspira co arrencendo das flores na primavera. Para min a poesía é profundamente subversiva, flexible como o chicle, e ten propiedades diuréticas; alivia porque é un magnífico tranquilizante sen prospecto. En doses altas, crea adicción ou alerxias. A súa capacidade subversiva ou as súas reaccións alérxicas permítenme lanzar unha ollada interpretativa e crítica sobre o meu tempo, do que son fillo inexcusable. E isto é válido para toda a literatura. Neste asunto, tampouco me interesa outra cosa. (Polo momento).
     Con repecto á literatura, teño que confesar que escribir un libro e saber que mo vai ler alguén é unha experiencia profundamente gratificante. E resulta evidente que son as lectoras e os lectores os que lle dan vida aos libros con cada lectura. Así que a todas elas e eles, gracias por facerme posible como escritor.
     Eu creo que a literatura nos axuda a comprender moito mellor o mundo en que vivimos (e, seguramente ese é o principal motivo polo que eu mesmo escribo), o que, en definitiva, é moito, moitísimo. Por iso no podo compartir a opinión de aqueles escritores e escritoras que alegan que a grandeza da literatura está na súa gratuidade. A aprenhensión do mundo que nos proporciona a literatura (como lectores ou como escritores) é de tal magnitude que supera, na miña opinión, cualquera tipo de gratuidade.
     Desgraciadamente, no mundo hai demasiadas cousas que me desagradan. Aínda vivimos nun mundo vergoñento, dominado pola infamia, a inxustiza, a discriminación, os intereses económicos, a especulación, o egoísmo, a pobreza, a dor, a intolerancia, o fanatismo, o machismo, o racismo, a violencia, a guerra. Parécenme profundamente perversas aquelas que fan prevalecer os seus intereses particulares por enriba dos da comunidade. A ese respecto gustaríame que lesedes o meu texto "O secuestro dos elefantes", que podedes atopar nesta páxina web, entre as miñas obras (tamén en versión catalá, traducido por Fina Iglesias).
     E, por se queredes saber en que libros colectivos participei ou de que antoloxías forma parte a miña obra, aí vai un listado: Ao mar de adentro (Edicións do Dragón, 1990), Concurso Nacional de Poesía o Facho,1978-1989 (Ediciós do Castro, 1990), Homenaxe a Manuel González Garcés (Deputación da Coruña, 1991), A rota dos baleeiros (Edicións do Dragón, 1991), XV Festival de Poesía do Condado (Salvaterra, 1995), Relato contemporáneo (Vigo, 1995), O relato galego (Santiago, 1995), Unha liña no ceo (Xerais, 1996), Construír a paz, cultura para a paz (Xerais, 1996), Narradores de cine (Xerais, 1996), Quimera (Barcelona, 1997), Vis a vis (G.A.E.R, 1997), Grial (Vigo, 1999), Intervención poética (Sargadelos Ferrol, 1999), dEfecto 2000 (Santiago, 1999), Debúxame un conto (Galix, 1999), Letras para armar poemas (Alfaguara, 2000), ¡Va de cuentos! (Madrid, 2000), Mini.relatos (Cartabón, 2000), Manuel Luís Acuña (Xerais, 2000), Palabras con fondo (Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, 2000), A tribo das baleas (Xerais, 2001), Comentário (Lisboa, 2001), Contos para levar no peto (Xerais, 2001), Ninguén está só (Tris Tram, 2001), 25 anos de poesía galega 1975-2002 (La Voz de Galicia, 2002), Materia prima (Xerais, 2002), La vida en las aulas (Paidós, 2002), O libro dos cen poemas (Espiral Maior, 2002), Longa lingua (Xerais, 2002), Negra sombra (Vigo, 2003), Mans salgadas (Xerais, 2002), Alma de Beiramar (AELG, ANT, 2003), Narradio, 56 historias no ar (RAG, Xerais, 2003), Sempre Mar (Santiago, 2003), Intifada. Ofrenda os poetas galegos a Palestina (Fundación Araguaney, 2003), Imaxes para a memoria (IEM, 2003), Madrigal (Universidade Complutense de Madrid, 2003), Botella ao mar (AGAV, 2003)? 

[Febreiro, 2004]

 


¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega