Herrera.html
Francisca
Herrera Garrido naceu na Coruña de 1869 no seo dunha familia
acomodada. Só viría perturbar a feliz infancia a morte do
único irmán de Francisca, facto que contribuíu a fortalecer a
relación da escritora coas súas tres irmás, que se mantería
ao longo da súa vida. Xa rapariga, coñeceu a morte do seu
namorado, ás portas do casamento, o que provocou a
determinación de Francisca de dedicar a súa existencia a
asistir a nai. O amor entre nai e filla, fondamente idealizado,
foi, xunto co ruralismo e a renuncia da muller, un dos eixos
temáticos da súa obra.
A entrada da escritora coruñesa no
mundo literario produciuse coa publicación do libro de poemas Sorrisas
e bágoas (1913). Tras esta primeira obra, saíron do prelo
dous novos poemarios, ¡Almas de muller! ... volallas na luz!
(1915) prologado por Manuel Murguía e Frores do noso
paxareco (1919), que seguen a estela popular dos Cantares
gallegos de Rosalía de
Castro. O interese de Francisca pola
escrita da autora de Follas Novas a quen chegou a coñecer levouna a prologar, en 1925, os Cantares Gallegos
e, inclusivamente, a gañar un premio outorgado por El Diario
Español, de Bos Ares, cun traballo sobre a singular poeta.
Tras a morte da nai, por volta de
1915, Francisca transladouse a Madrid e aínda que residíu nesta
cidade ata 1936, sostivo durante este tempo a súa vinculación
coa Galiza. Para alén de non perder o contacto cos Murguía de
Castro, Herrera coñeceu nestes anos figuras destacadas da
cultura galega. Considerada poeta de verso sinxelo e impar
riqueza léxica, a súa obra narrativa é moi superior á súa
lírica. A peza clave da literatura herreriana é,
incontestabelmente, a novela Néveda (1920). Após a
publicación deste romance, a escritora instalouse na narrativa
ruralista de corte sentimental, dando á luz varios relatos de
carácter breve, "A y-alma de Mingos" (1922) e
"A neta da naipeira" e "Martes de
Antroido", ambos editados en 1925. Tamén levou ao
prelo por eses anos dúas novelas longas en español Pepiña
e Réproba, e, en 1931, voltaría á poesía con "A
nosa nai Galiza", publicada na revista Nós.
Co inicio da guerra, Francisca
Herrera fuxiu da capital madrileña e instalouse primeiro en
Oleiros e posteriormente na Coruña. Foron anos de penuria
económica para a escritora, tendo como único consolo a
literatura. Así, Francisca continuou a compor pezas líricas,
traduciu á nosa lingua algúns poemas relixiosos e deu á luz un
novo romance en español, Familia de lobos. En 1945
saíu elixida membro numerario da Real Academia Galega e, con
setenta e seis anos, comezou a redixir o discurso de ingreso,
mais a escritora morreu en 1950 sen se ter formalizado a súa
entrada na institución. Malia isto, Francisca Herrera é
considerada unanimemente a primeira muller membro da academia.
|