vb1fvidal.html
Se
temos que buscar unha razón ó que nos move e ó que nos conmove, posiblemente lle tería que agradecer a aquel cura, de terceiro
de bacharelato que nos mandara facer un traballo sobre as
supersticións, o que aprendese como a ciencia non se limita ós
números e ás fórmulas matemáticas. E igualmente, tamén lle
terei que agradecer ós Reis Magos, que sempre me botasen algún
libro para alimentar a imaxinación.
Ambos, penso eu, foron quen, ó
final, alimentaron en min esta afección de riscar historias.
Na escada de caracol que é a vida, sobre estes dous chanzos da
nenez e da adolescencia, fun colocando outros novos esteos coa
masa dos contos familiares, e das propias vivencias en asociacións culturais,
viaxes e o mesmo día a día, chanzos disfrazados de artigos e
historias, desde as primeiras colaboracións na prensa de 1977,
que tanto me serviron para afiar o lapis, ata o que boamente imos
facendo paso a paso.
Nos primeiros oitenta, coa serie Ciencia,
Técnica e Trebellos, no periódico A Nosa Terra,
afrontei o vocabulario técnico en galego, cando falar dun CD,
dos vídeos, do código de barras ou da cámara dixital era falar de productos de
laboratorio ou da aventura do futuro; e con eles puiden combinar
a paixón pola ciencia coas letras. Logo virían máis artigos en
distintos medios e colaboracións con asociacións culturais, ata
que, no 1992 recibo o premio de Narrativa do Concello de
Vilalba pola novela Ollos de Anxo da Morte,
e un accésit do Pedrón de Ouro polo conto A
Espiral da Fortuna.
A primeira é a historia dunha vila
da Baixa Limia, onde as tradicións, a historia e as lendas se
mesturan para evitar a morte eterna de Santa Comba do Tumia. En A
Espiral da Fortuna, un conto no que a lenda predomina sobre a historia ata facer prevalecer o fantástico sobre a realidade, nunha
espiral envolvente e arroladora, que vai levando, ó mozo
protagonista, a acadar un inesperado tesouro.
Piquiño Mouro,
premio de Literatura Infantil Olisbos, no ano noventa e
catro, traslada, a través dun conto infantil, o tema da
emigración a un paxariño da Barbanza.
Os noventa tamén foron os anos da
AA. VV. "Manuel Murguía", de Oseiro, os anos de
reivindicar a figura do Patriarca, de impulsar a edición de
libros como "En Prosa", "La Primera Luz" ou
"Desde el Cielo", anos dedicados a estudiar e
investigar a súa vida e obra.
Un novo accésit do Pedrón de
Ouro, no ano noventa e cinco, por As Voces da
Conciencia, daralle luz a unha historia que quere
retratar a soidade da muller dun navegante, os rumores da
veciñanza sobre a súa conducta e a inocencia dunha recén
casada.
No ano noventa e seis comezo a
sacar unha serie de artigos en A Nosa Terra, baixo o
título xenérico Camiño Vello, Congostra Nova,
para tratar temas de literatura popular, tradicións e crenzas
non sempre relixiosas.
O Centro Galego de Baracaldo concédeme
no ano noventa e seis o Breogán de Narrativa polo conto
A Auga da Vida, unha historia sobre a loita pola
propiedade, por un simple regato; e tres anos despois, o
Centro Rexional de Castilla-La Mancha, de A Coruña, premia
o conto O Anano do Hiper, unha manifestación
contra os hipermercados como templos de consumo.
No 1997, un novo premio de Narrativa
do Concello de Vilalba, pola novela O Cuarto dos
Ausentes, permíteme presentar unha historia sobre a decadencia dun pobo
mariñeiro ó longo do século XX e a súa enganosa riqueza material devida á
emigración.
A finais da década dos noventa, a
figura de Murguía xa se converte nunha inquietude que dá ó
prelo a biografía Manuel Murguía,
así como a edición comentada de Textos en Galego de
Murguía, e finalmente, con motivo do Día das Letras
dedicado ó Patriarca, o libro publicado por O Correo Galego,
Murguía: as Letras e a Historia, que recolle
unha serie de trinta artigos publicados con este título no
citado xornal.
Xa no 2001 comezo unha nova serie
de artigos en A Nosa Terra baixo o título Meu
Santo, Miña Santiña, pretendendo acercar ó
lector, dunha maneira desenfadada, ó santoral.
Tamén no 2001, edito a novela A
Derradeira Decisión, unha historia sobre a emigración
e o desarraigo, ambientada na Galicia sueva.
O 2003 trae o Premio de Novela "Avilés de Taramancos" pola novela O
Botín da inmortalidade, onde fantasía e aventura se mesturan nunha historia
de piratas arousáns; e tamén neste ano de 2003, o concello de Viveiro concédeme
o Premio de Narrativa "Pastor Díaz", pola novela A luz da Eclipse,
sobre o mundo mariñeiro dunha vila galega en época precolombina.
Xa no 2004, comezo en El Periódico de Arteixo unha serie de artigos baixo
o título xenérico Polos Camiños de Arteixo, en colaboración co fotógrago
Alfonso Rey Asorey. E en novembro dese ano comezo unha seire de colaboracións
dominicais con La Voz de Galicia en Barbanza, baixo o epígrafe Lingua
Proletaria.
O 2005 trouxo a publicación de Os chanzos da escada, volvendo sobre o
tema da emigración e o desarraigo, a través dunha familia ó largo dun século;
novela esta que, en 2006 tivo a súa edición en castelán. Ano este no que tamén
se publica a peciña teatral "A Serea" baseada na lenda dos Mariño.
Tamén no 2005 gaño o premio Terra de Melide, coa novela Os Pecados
Capitais, tratando o asunto do dobre raseiro con que medimos as actitudes
alleas segundo a nós nos afecten, que foi publicada en febrerio de 2007.
Xa en 2009, en colaboración con Rosa Benigna Vizcaya Betanzos publicamos e
ensaio Dos fastos ós festexos (dos antigos mitos á relixiosidade galega)
no que tratamos de facer un percorrido polo calendario comparando ós fastos do
mundo clásico co santoral e festa cíclicas de hoxe en día.
En abril de 2010 sae As deusas do Calvario, un conxunto de flashes sobre
a vida nun barrio de periferia dunha cidade.
E nestas seguimos.
|