vb2franciscocastinheira2.html
Nacín nun sitio frío e fun parar a un sitio frío. E non me queixo. O verdadeiro
frío é outra cousa.
Nacín na Suíza francófona no ano do punk, o 77. Os meus pais, emigrantes de
Laxe, recapacitaron e liscaron axiña para A Coruña, onde me criei. Tras recalar
con desigual fortuna en Compostela e Uviéu ando a abrigarme da neve xa vai para
tres anos na fermosa cidade bávara de Regensburg, Ratisbona para nós os latinos.
Gáñome as lentellas como Técnico de Laboratorio, e non hai grande queixa.
Solteiro, sen fillos e un afillado que berra onde tas padino polo
teléfono. Un ceo. Fago de menos o mar, pelexo coa morriña e gústame pisar a neve
cunhas boas botas.
Se cadra é máis entretido falar do que escribo. Ata
agora adiqueime ó relato curto. Apañei algún premio que outro, entre os que
salientan os III Certame Suárez Ferrín (2002), Certame "Radio France
International-Cide Hamete Benengeli" (2003), o II Certame Lucus Augusti (2004)
ou o Certame Ourense de Contos (2006).
Publiquei en solitario unha escolma de relatos chamada
Seica Chove (Baía Edicións, 2002) e este ano, se os deuses o queren,
sairá un segundo libro de relatos chamado Inventario de Nubes por Sotelo Blanco
Edicións. Oxalá que os leas e que che presten. Se non, todo o desta caótica
biografía sobra.
Saíron ademáis relatos meus noutras compilacións xunto
con outros autores, como Inventario de nubes e catro contos máis (Xunta
de Galicia, 2006), Premios Pedrón de Ouro Modesto R. Figueiredo XXX e XXXI
(Edicións do Castro, 2007), Relatos de Verán 2001 (La Voz de Galicia) e
outros co gallo dos mesmos certames literarios, ademáis de colaboracións en
publicacións como A Trabe de Ouro, Revista Dorna de Expresión Poética
ou a
Revista Move na internet.
Namentres chega a inspiración e transpiración necesaria
para novos proxectos, saco parvadas de cando en vez
no meu blog,
ó que estades convidados.
Espero non tervos aburrido. E se é así, que iso non
volva pasar. Que teñades unha feliz lectura.
|