m1fmiglesia.html
Francisco
María de la Iglesia González naceu na Coruña en 1827. Tras
realizar os primeiros estudos en Compostela, cursou a carreira
de Maxisterio e exerceu posteriormente como mestre na súa cidade
natal. Desde entón alternaría o labor pedagóxico coa
actividade editorial e literaria, facendo igualmente algunha
incursión na arqueoloxía, pola que sempre mostrou un grande
interese. Así, creou e dirixiu El diario de Galicia
(1856) e fundou, xunto co seu irmán Antonio, a revista Galicia
(1863). Como poeta, publicou varias composicións no
"Mosaico poético de nuestros vates gallegos
contemporáneos", ordenado polo seu irmán e incluído no Álbum
de la Caridad (1862), e en El idioma gallego. Su
antigüedad y vida (1886), tamén de Antonio de la Iglesia.
Mais será grazas á súa
produción dramática polo que Francisco María de la Iglesia
ocupará un lugar destacado na nosa literatura. En 1882 o Liceo
Brigantino Coruñés estreaba a súa obra A fonte do
xuramento (1892), primeiro drama escrito "en dialeuto
gallego". Nesa altura non se tiñan noticias da publicación
en 1849 de A Casamenteira, de Antonio
Bieito Fandiño, e
menos aínda da existencia da Contenda dos labradores de
Caldelas, de Feixó de
Araúxo. No seu momento, A fonte
do xuramento sentíase, por tanto, como unha obra inaugural.
De la Iglesia aínda escribiría para o Orfeón Brigantino da
Coruña máis dúas obras de menor importancia que el propio
consideraba escenas, ¡A Nosa Terra! e Os Ártabros,
ambas musicadas por Pascual Veiga.
Para alén da escrita dramática,
realizou igualmente investigacións sobre a cultura tradicional.
Morreu na Coruña en 1897.
|