vb2rozadosrochi2.html
Nacín na parroquia de
San Martiño de Forcarei, no concello de Forcarei, cabeceira da Terra de Montes.
Corría o ano 1963. "Sufrín", polo tanto, a maior parte da educación
primaria aínda co réxime de Franco. O ano en que morreu Franco e España pasou
a mellor vida, entrei interno nun colexio relixioso, en Monforte de Lemos (o
chamado Escorial Galego, os Escolapios). Estiven interno en dous colexios máis
durante o bacharelato, en Santiago e en Marín, e unha vez que rematei o C.O.U.
estudiei Xeografía e Historia na universidade de Santiago. Daquela, no ano 1981
cando comecei estábase aprendendo a vivir en democracia. Hoxe, por sorte ou
por desgracia, pódese constatar que aínda seguimos aprendendo.
Hoxe traballo de xerente dun programa de desenvolvemento rural e son concelleiro
de cultura do meu concello (pódense ver textos e fotografías da miña autoría
na páxina
www.forcarei.net). Fundei e coordino a revista cultural municipal
COTAREDO, na que colaboraron, entre outros Antón Fraguas, Ernesto Viéitez,
Xosé Luis Barreiro e o gaiteiro Carlos Núñez (esta revista pódese baixar
tamén da páxina web de Forcarei). Escribo para fuxir de non sei moi ben qué,
coma todos, e porque a escrita é un xeito de catarse
e tamén de decatarse.
Ás veces escribo ficción (Memoria de Trasdomonte - Edicións Fervenza),
noutras ocasións atrévome coa biografía (Chano Piñeiro - Edicións Fervenza)
e noutras aconsello ós visitantes que se achegan ó meu concello e á miña
comarca (Forcarei, no berce do Umia e do Lérez - Concello de Forcarei (1991),
Forcarei. Historia fotográfica do século XX - Deputación Provincial (2005) ou
Guía da Terra de Montes - Everest (2000)). As miñas paixóns son o cinema
(Tarkovski, Bertolucci, Coppola, Imamura, Tod Browning, Eliseo Subiela e, por
suposto, Chano Piñeiro), o humor (G. Marx, W. Allen, Les Luthiers, Monty
Python, Jacques Tati), os espellos e a banda deseñada Marvel dos anos setenta
(que en España publicaba a editorial Vértice). Os meus personaxes históricos
predilectos son Chaplin, Dalí e Amenofis IV. Colecciono versións distintas (en
banda deseñada e en novela) de Robinsón Crusoe, a obra de Defoe. Se me teño
que quedar con unha película dubidaría entre o "Novecento" de
Bertolucci e a "Balada de Narayama", do xaponés Shohei Imamura.
Escribindo, engaiólanme Borges, Kundera, Cela, Luis Pimentel e Bieito Iglesias
Araúxo
que me parece o mellor escritor galego na actualidade. Fun amigo e
sigo sendo admirador do artista e da persoa que foi Chano Piñeiro e
identíficome con algo que Chano repetía con frecuencia: "Eu, para ben ou
para mal, son un aldeán".
PREMIOS QUE OBTIVEN:
- Premio "Camilo José Cela" de
Narrativa (2001)
XII edición pola narración "Unha campa na congostra de
Rebordechao"
- Premio "Reimóndez Portela" de Xornalismo (2001)
VI edición pola
colaboración xornalística "Ler ou non ler, esa é a cuestión",
publicado na Voz de Galicia.
- 2º Premio "Anxel Fole" de Narrativa (2006) -VIII edición- pola
narración "A Muller que non comía".
- Premio "Manuel Oreste" de Narrativa (2006) -XI edición- pola
narración "Raiolas no faiado"
- Premio "Concello de Marín" de Narrativa (2006) -IX edición- pola narración "O
Empeine".
- Premio "Xoán de Cangas" de Novela Curta (2006) -I edición- pola narración "O
transparente, cronosférico e omníglota segredo de don Amaro Loureiro e a súa
alma perdida e recobrada".
- 1º Premio "Ánxel Fole" de Narrativa (2008) -X edición- pola narración "O
vestiario máxico do abade".
|