v4franckmeyer.html
A fronteira en que naceu é un espacio propio,
aínda que desa banda se chame Francia e da outra, Alemaña. Transgredir
a fronteira é preservar a particularidade, sabendo sempre que o outro
existe. O interese polas diferencias está na orixe dos seus estudios en
filoloxía e da súa viaxe a Galicia. Despois da etapa universitaria en
Tréveris e Santiago engancha coa vida profesional en Vigo. Ir e vir
como outra forma de superar límites, explorando e abrindo novos
espacios. Coa presentación do primeiro poemario pêle-mêle fel
(2000) coincide o remate brusco dunha fase. Logo remuíño prolongado, o
caderno a destempo (2002), a loucura creativa de francka editora e o
resumo da despedida (2003).
Biografía oficial
Franck Meyer (1968)
Fillo da fronteira da Lorena francesa co Sarre
alemán, profesionalmente ligado ao mundo editorial, estudiou Filoloxía
Hispánica e Francesa e Ciencias Económicas nas universidades de
Tréveris (Alemaña) e Santiago de Compostela. Traballou no Centro de
Documentación de Galicia da Universidade de Tréveris e foi coordinador
da revista Galicien Magazin, órgano oficial da Sociedade
Galego-Alemana, así como, durante varios anos, editor e xefe de
comunicación en Editorial Galaxia. Franck Meyer enténdese como
activista de intercambio cultural. Coñécense as súas facetas de
traductor (O manifesto comunista de Marx e Engels, Siddhartha
e Baixo as rodas de Hermann Hesse, O home é un grande faisán
no mundo de Herta Müller), antólogo (R. D. Brinkmann: A
máquina de facer zume de laranxa, D. Grünbein: Zona gris á
mañá; Johann Wolfgang Goethe: Cen citas) e investigador da
literatura e da cultura ("Cervexa, salchichas, ideas pesadas. A
imaxe de Alemaña en Camba, Risco e Tobío"; "O papel das
traduccións no caso Galicia-Alemaña na actualidade"; "Das
galicische Verlagswesen", "Unha rexión fronteiriza na Europa
do século XXI. O Estado federado do Sarre entre identidade e
internacionalización"), con artigos publicados tanto en revistas
galegas (Grial, Anima+l, Revista Bravú, Eidos do libro,
Dorna) como alemanas (Galicien Magazin, Tranvía. Revue
der Iberischen Halbinsel). É colaborador habitual de A Nosa
Terra e do Faro da Cultura. Co libro de poemas pêle-mêle
fel (Edicións Positivas, 2000) revelouse como poeta en lingua
galega, papel consolidado con outros dous poemarios, Caderno a
destempo, con debuxos de Serxio Suárez (2002), e resumo da
despedida, con fotos do propio autor (2003). Na primavera do ano
2002 Meyer fundou francka editora.
[Fotografía: Anxo Abalo]
|