Franck Meyer


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
v4franckmeyer.html

     A fronteira en que naceu é un espacio propio, aínda que desa banda se chame Francia e da outra, Alemaña. Transgredir a fronteira é preservar a particularidade, sabendo sempre que o outro existe. O interese polas diferencias está na orixe dos seus estudios en filoloxía e da súa viaxe a Galicia. Despois da etapa universitaria en Tréveris e Santiago engancha coa vida profesional en Vigo. Ir e vir como outra forma de superar límites, explorando e abrindo novos espacios. Coa presentación do primeiro poemario pêle-mêle fel (2000) coincide o remate brusco dunha fase. Logo remuíño prolongado, o caderno a destempo (2002), a loucura creativa de francka editora e o resumo da despedida (2003).


Biografía oficial
     Franck Meyer (1968)
     Fillo da fronteira da Lorena francesa co Sarre alemán, profesionalmente ligado ao mundo editorial, estudiou Filoloxía Hispánica e Francesa e Ciencias Económicas nas universidades de Tréveris (Alemaña) e Santiago de Compostela. Traballou no Centro de Documentación de Galicia da Universidade de Tréveris e foi coordinador da revista Galicien Magazin, órgano oficial da Sociedade Galego-Alemana, así como, durante varios anos, editor e xefe de comunicación en Editorial Galaxia. Franck Meyer enténdese como activista de intercambio cultural. Coñécense as súas facetas de traductor (O manifesto comunista de Marx e Engels, Siddhartha e Baixo as rodas de Hermann Hesse, O home é un grande faisán no mundo de Herta Müller), antólogo (R. D. Brinkmann: A máquina de facer zume de laranxa, D. Grünbein: Zona gris á mañá; Johann Wolfgang Goethe: Cen citas) e investigador da literatura e da cultura ("Cervexa, salchichas, ideas pesadas. A imaxe de Alemaña en Camba, Risco e Tobío"; "O papel das traduccións no caso Galicia-Alemaña na actualidade"; "Das galicische Verlagswesen", "Unha rexión fronteiriza na Europa do século XXI. O Estado federado do Sarre entre identidade e internacionalización"), con artigos publicados tanto en revistas galegas (Grial, Anima+l, Revista Bravú, Eidos do libro, Dorna) como alemanas (Galicien Magazin, Tranvía. Revue der Iberischen Halbinsel). É colaborador habitual de A Nosa Terra e do Faro da Cultura. Co libro de poemas pêle-mêle fel (Edicións Positivas, 2000) revelouse como poeta en lingua galega, papel consolidado con outros dous poemarios, Caderno a destempo, con debuxos de Serxio Suárez (2002), e resumo da despedida, con fotos do propio autor (2003). Na primavera do ano 2002 Meyer fundou francka editora.

[Novembro, 2003]


[Fotografía: Anxo Abalo]


¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega