mb2galosalinas.html
Galo
Salinas naceu na Coruña en 1852. Con doce anos de idade emigrou
a Montevideo, onde traballaría desde moi novo como comerciante.
De regreso á Galiza en 1876, Salinas estableceuse en Pontedeume
como mestre, mais acabou deixando esta profesión para se dedicar
ao xornalismo na Coruña. Na cidade herculina fundou e dirixiu a Revista
Gallega. Semanario de Literatura e intereses regionales
(1895-1907), onde participarían, entre outros, Leandro
Carré,
Francisco Tettamancy e Florencio Vaamonde. Convertiuse nun dos
asiduos á tertulia da Cova Céltica e, en contacto co ideario
rexionalista e as súas máis destacadas figuras, redixiu El
regionalismo gallego. Estudio social (1892).
Nestes anos comezou a súa
actividade literaria. "O Hino popular
regional" (1893), con música de Varela Silvari, a súa
composición épico-lendaria de signo costumista ¡Lenda de
horrore! A mitra de ferro ardente (1894) e o poema en tres
cantos ¡Galicia! (1894) datan desta época. No seo do
movimento rexionalista, Salinas realizou desde diversos frentes
un labor clave a prol da construción dunha dramaturxia galega.
De feito, foi un dos primeiros escritores galegos en publicar
obra dramática: A torre de Peito Burdelo. Drama hestórico
nun auto i en verso (1891), ¡Filla! (1892)...
Un ano despois da aparición da Revista
Gallega, o coruñés publicou a súa Memoria acerca de
la dramática gallega. Causas de su poco desarrollo e influencia
que en el mismo puede ejercer el Regionalismo, onde tende
unha ponte entre o pensamento rexionalista e a normalización
cultural de Galiza, pondo en destaque o relevante papel do teatro
neste proceso. Participou no nacemento da coruñesa Escola
Rexional de Declamación (1902-1904), dirixida por el nunha
primeira xeira, nun intento de crear un grupo teatral que
encenase pezas en galego, para, desta maneira, estimular a
escrita teatral.
Para alén das xa citadas, Salinas
foi autor dun bon número de pezas teatrais estreadas na súa
época. Paralelamente, o dramaturgo desenvolveu unha inxente
produción teatral en español. Faleceu na súa vila natal en
1926.
|