vb2hvillarjaneiro.html
1 ¿COMO,
CANDO E POR QUE ME FIXEN ESCRITORA?
Nacín en Becerreá (Lugo) en 1940.
Fun ensinante e rematei a carreira profesoral en Santiago. Agora
fólgome de vivir entre as históricas pedras de Compostela e nas
beiras da Arousa, nunha aldea de Rianxo.
Na miña formación, sobre todo no
aspecto literario, foron decisivas as clases que recibín
traballando con meus pais na xastrería ancaresa. Ademais de me
abrir ó mundo e á lingua e cultura propias do meu país,
naquela especie de ateneo descubrín a narración oral e
coñecín os referentes de moitos personaxes que alimentan a
miña obra. Esta preparación foi máis efectiva que a que
recibín máis tarde, a adxectivada académica. Ademais
de estar fóra da escola ata os trece anos, pasando coa familia a
idade máis plástica da vida, ó contrario do que pasaba nas
aulas da época, na miña casa amábase a cultura, recitábanse
os clásicos, cantábase "bel canto" e defendíase a
igualdade da muller. No ensino institucionalizado non fundían
estas experiencias. A formación literaria reducíase a memorizar
listas de obras e autores como nunha aprendizaxe de catálogos.
Intereseime cedo polas artes,
especialmente a música, pero as duras orixes na posguerra
obrigáronme a optar, e aínda co sacrificio de traballar de
paso, polos estudios de Maxisterio, curtos e próximos ó
domicilio. Fixen despois unha licenciatura e cando me ofreceron
unha beca para estudiar canto en San Fernando, considerei que era
demasiado tarde.
Case todo na miña vida sucedu
tarde. Cheguei tamén serodia tiña 26 anos ó cultivo da
lírica e no proceso de captación para a poesía tiveron moito
que ver as lecturas que fixen mentres rexía escolas nas paixaxes
idílicas de Os Ancares, e as amistades, sobre todo a do que
sería o meu home e compañeiro de tantas cousas, Xesús Rábade
Paredes.
Ter unha nena e un nenos que
carecían dunha literatura de seu que os alimentase
espirirtualmente como galegos, levounos a inventar cancións,
contos e algún ensaíño para quen con agarimo formabamos no
fogar. Aqueles escritos facíanse coa mesma naturalidade coa que
lles dabamos de comer pan e compango. Moita desta literatura foi
publicada e eu seguinlle dedicando parte da miña creación.
Pasei a narrar porque sentín a
necesidade de contar o mundo, ademais de cantalo, e cheguei ó
artigo de opinión con mentes de ser crítica con cousas que
pasan ó meu arredor e non me parecen ben.
Como tiven que compaxinar o
traballo de ensinante coa vocación de escribir, fixen tamén
abondosos traballos, orais e escritos, sobre educación,
fundamentalmente verbo do ensino da literatura e da
normalización lingüística.
Finalmente, coas miñas
traduccións presteilles a voz a outros escritores e escritoras
para que tivesen a oportunidade de se chegar a un idioma máis
coa miña axuda.
2 ¿QUE SIGNIFICA
PARA MIN A CREACIÓN LITERARIA?
Ser escritora éme un xeito de
"ser" e de "estar" no mundo, de deixarme
levar por impulsos e tensións que me colocan fronte a min mesma
e fronte ó resto. Escribir diferénciame e fúndeme na estrema
dun proceso osmótico, ás veces moi pouco comprensible, que
conforma a unidade interior, que evita a fragmentación e que
protexe do caos.
A poesía axúdame a recobrar a
emerxencia temporal do pozo escuro e frío que me precede e a
presentir a continuidade do fluír que me sobrevivirá.
Sei das constantes que dinamizan a
miña obra poética e me coutan cos seus límites: a saudade,
tristeza permanente por algo perdido que nin sequera tiven; a
morte, supremo momento de transformación do dinámico en
estático e eterno; o amor, liberador e guía do entretanto; a
terra e a paisaxe, parte aglutinadora de min mesma cara atrás e
cara adiante; o mar, a redondez do gran tamaño e da envoltura.
Ser narradora permíteme observar a
vida dun xeito ricaz, o necesario para inventar mundos teus e
poder camiñar neles polos vieiros da ironía e do humor,
bastante contrapostos á unha realidade belixerante co sorriso.
Colaborar periodicamente nun xornal
obrígame á brega coa actualidade. Ademais é un xeito de
creación que me comunica coas lectoras e lectores nun
intercambio dinámico e inmediato difícil de conseguir con
outros medios.
Sendo máis racional e solidaria no
xuízo sobre o oficio de escribir, valoro tamén o papel que
desde a escrita se pode xogar perante a sociedade. Tan gozoso
traballo é quen mellor me xuda a vivir canda os meus e
patentizarlles o compromiso cunha serie de causas que aínda
parecen precisarme e precisar de todos nós: o meu xénero, o meu
pobo, o meu país, a miña lingua e a miña cultura.
|