Jenaro Marinhas del Valle

(1908 - 1999)

 

 
Obras
Biografía
 
mb2jenaromarinhas.html

     Jenaro Marinhas del Valle naceu o 25 de novembro de 1908 na Coruña no seo dunha familia mergullada no galeguismo —o seu pai relacionárase cos tertulianos da Cova Céltica—. Desde moi novo asistíu as veladas teatras da Irmandade da Fala da Coruña, da que chegou a ser tesoureiro.
     Tras realizar o bacharelato na cidade natal —xunto de Urbano Lugrís, Emilio Pita ou Luís Seoane—, iniciou a carreira de Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela, mais abandonaría estes estudos para seguir os de empresariais. Desde entón dedicaríase á profesión mercantil como contábel.
     Na década de vinte viron a luz poemas da súa autoría na revista Vida Gallega e realizou colaboracións xornalísticas en A Nosa Terra.
     Marinhas del Valle figurou entre os fundadores das Mocidades Galeguistas (1933), das que foi primeiro presidente, e en 1936 tomou parte activa na campaña a favor do Estatuto de Autonomía para Galiza. Finalizado o conflicto bélico que seguíu ao golpe de estado militar —o coruñés fora mobilizado para a frente de Asturias— realizou unha viaxe pola Europa do Leste e, xa de volta, asistiu en 1943 a reunión clandestina celebrada na casa de Francisco Fernández del Riego en que nacería o proxecto da editorial Galaxia.
     A proposta de Rafael Dieste, foi nomeado membro numerario da Real Academia Galega no ano 1978, mas en 1990  —tras a morte de Ricardo Carvalho Calero— renunciaría á cadeira que ocupaba por disconformidade co rumo da institución.
     A súa primeira peza teatral, que Marinhas entregara a Ánxel Casal, perdeuse co asasinato do editor. A obra posterior abranxe principalmente producións dramáticas ou textos teóricos á volta do feito escénico, entre os que figura o seu discurso de ingreso na RAG (A importancia do público na revelación teatral). Entre as primeiras inclúense, entre outros, títulos como A revolta e outras farsas (1965) ou Ramo cativo (1990). Con todo, cultivou igualmente a poesía —Lembrando a Manuel Antonio (1979)— e a narrativa —A vida escura (1987)—. 
     Preocupado fondamente polo noso idioma, foi nomeado Membro de Honra da Asociación de Escritores en Língua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Ocupou, ademais, os cargos de Vice-Presidente da Comissão para a Integração da Língua da Galiza no Acordo da Ortografia Simplificada e de Membro do Consello Consultivo da revista Nós.
     Marinhas del Valle morreu na Coruña en 1999.

 

*A foto é de Miguel Castro

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega