Lourdes Maceiras


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2lourdesmaceiras.html

—¡Oes!
—¿Si?
—¿E ti non tiñas que mandar a túa biografía á Biblioteca Virtual Galega?
—Si.
—¿E mandáchela?
—Non.
—¿Tela feita?
—Non.
—Pois xa podes ir empezando ¿ou?...
—Mmmm... non sei... é que cando me piden unha biografía nunca sei moi ben por onde empezar nin que contar...
—¡Pois que vas contar!..., o que se di nunha biografía: en que ano naciches, onde, onde estudiaches, o que, cando..., por que escribes..., ¡esas cousas!...
—Nacín no ano 1955 en Barcelona. O 29 de outubro (non vaia ser que alguén queira felicitarme polo meu aniversario e non saiba cando facelo).
—Máis cousas, ¡porque con ese apelido e ser catalana!...
—¡Pois coma moita xente da miña idade!: ¡filla da emigración! Non estranxeira senón nacional, pero emigración á fin e ó cabo... A miña nai era catalana, criada en Madrid e na Mancha de Don Quijote, de onde eran os meus avós, (con ramas xenealóxicas anteriores manchegas, navarras, catalanas e bascas)...
—¡Iso non é unha árbore xenealóxica, é unha enredadeira xenealóxica!...
—Non tanto, non tanto... O meu pai era galego, criado en Galicia, con ramas xenealóxicas galegas... Nacera nunha aldea e marchara a outras terras buscando un futuro mellor... Percorreu Castela, Andalucía, Levante e rematou en Barcelona, sen esquecer nunca o seu lugar de nacemento: Muniferral (no concello de Aranga, provincia da Coruña), lugar que segue a manter hoxe a súa beleza natural, pegado a un par de serras montañosas que...
—¿Cal é o seu nome?
—Muniferral, no concello de Aranga, xa cho dixen.
—O das serras.
—¡Ah! A 'Cova da serpe' e a 'Serra da loba'.
—Non me digas máis, con eses nomes abonda, non é necesario explicar máis, os nomes dino todo.
—¡Xa! Ben. A miña nai marchara tamén a Barcelona. Coñecéronse alí, casaron e nacín eu..., na Barceloneta, por certo, nunha casa que está fronte a unha fonte dedicada a unha cantante. Melloraron moito ese barrio coas Olimpíadas do 1992 e quedou moi bonito, ¿víchelo?
—Non. Espero que me leves algún día.
—Vale, fareino, porque paga a pena a visita. Nacín nun mediodía de sol radiante, cara ó mar, como di Joan Manuel Serrat: "Nací en el Mediterráneoooo", e, ¡cousa sorprendente naqueles tempos!, deixaron estar ó meu pai no parto...
—Pois aquí aínda hoxe é difícil iso... Semella o máis normal do mundo, pero non hai maneira de que deixen entrar ós pais nos partos...
—¡E iso que é bo para a parturiente e para o desenvolvemento do parto!... Non entendo, se a figura do pai é tan importante como a da nai na evolución das persoas, e mantense esta teoría a niveis políticos e sociais (tamén dentro da sanidade), ¿por que non deixan que xa estean as dúas figuras presentes dende o primeiro momento, dende o nacemento?...
—Ese non é o primeiro momento...
—¡Xa!, pero no primeiro, primeiro, o que se di primeiro... ¡xa están as dúas figuras!...
—¡Madía leva senón!...
—¡Sen comentarios! Pois seica os partos son máis frecuentes pola noite..., non sei por que...
—Estaba pensando unha posible razón..., pero será mellor que non diga unha burrada...
—¡Será mellor!... Pero... igual si é por iso...
—¡Halaaaaaa!
—Sigamos. A pesares da lei de probabilidades, eu nacín ás 12 da mañá en vez de ás 12 da noite. Ós seis meses do nacemento trouxéronme para A Coruña (e seica non me sentou nada ben esa longa viaxe, pois empecei a berrar a todo trapo no tren e pasei varios días dedicada ó adestramento da ópera xa na miña nova casa), crieime nela e dela teño as miñas primeiras lembranzas e vivencias, será por iso polo que, cando alguén me pregunta: "¿E logo ti de onde es?", contesto que da Coruña. Alí fun ó colexio e alí falei moitas veces co mar contándolle os meus momentos malos e bos...
—¿E segues a falar co mar?
—Agora falo coas plantas.
—Iso é grave.
—Non, iso é bo para elas, desenvólvense mellor... O malo desta situación non é falar coas plantas, é cando elas empezan a responderche...
—Pois non lle contes a ninguén que falas comigo e, sobre todo, que che respondo...
—Cáseque como que si... Xunto ó mar da Coruña empecei a escribir as miñas primeiras poesías...
—¡Ahhh! ¿Escribiches poesías?
—¿Ti non escoitaches a canción que di: "¿Quién no escribió un poema, huyendo de la soledaaaaad?"...?
—¿E cando mas deixas ler?
—Non chas deixo, que me da corte.
—¡Oh!, ¿e por que?
—Porque a poesía é...
—"Un arma cargada de futuro".
—Iso di o poeta; eu ía dicir que... é a expresión dos meus sentimentos e vivencias... e é un corte estar así aí, á exposición pública, para quen lea as miñas poesías...
—Tanto ten, ¿cando mas deixas ler?
—¡Que non chas deixo ler!
—¡Xa veremos!
—¡E dálle!...
—¿Escribiches primeiro poesías?
—Non, escribín primeiro relatos. As miñas primeiras poesías son do ano 1974, e os meus primeiros contos escribíraos ós 12 anos, como traballos para o colexio.
—Empezaches como unha obriga...
—Si, pero despois converteuse nunha devoción... Ás veces sucede iso. Axudoume que en marzo de 1971 déronme un premio a un relato curto sobre o Camiño de Santiago nun concurso a nivel galego, e en xullo de 1972 outro a un relato sobre a natureza noutro concurso a nivel de toda España.
—E saíches mangada a escribir...
—Non, saín mangada a Santiago de Compostela para estudiar a carreira: medicina. E despois... Nutrición e Dietética, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Administración e Xestión Sanitaria, Métodos Estatísticos en Ciencias da Saúde, Educación para a Saúde, o Doutoramento... e... directora de Actividades no Lecer...; teño uns cantos títulos e/ou papeis que din que son isto e o outro..., pero teño que engadir que eu nunca me fiei moito dos papeis, nin creo que eles nos garantan SER nada... (en todo caso ter algo...), somos cando nos facemos día a día... Pero volvamos á cuestión literaria...
—Iso, iso.
—Collín velocidade na carreira de Lectora con Enid Blyton, Jules Verne, Agatha Christie (que saía dos fondos bibliográficos dunha amiga e compañeira, que hoxe tamén é médica) e a literatura española do Século de Ouro, ¡téñolle moito que agradecer á biblioteca do colexio!...
—¿Sabes que agora queren que as bibliotecas públicas paguen uns canons por libros lidos?
—Seino, si, e agardo que sexa tan só unha teima de inconscientes sen máis consecuencias. Aínda que, no meu caso, houbo co-axudas... Ós 5 anos xa lía perfectamente e gustábanme moito os contos. E, de antes, lembro ós meus pais sentados, alternativamente, na beira da miña cama léndome contos, sobre todo cando eu estaba enferma..., e xa se sabe: "a lectura comeza polo oído"... E xa nunca me abandonaron os libros. Quéroos como obxectos fermosos e de valor. Quedei en Compostela... co aire fresco da noite batendo contra as miñas fazulas entrementres paseo pola zona vella da cidade, cos meus pasos resoando no silencio da madrugada e o seu eco estrelándose contra as casas, ás dúas beiras das estreitas rúas... Pero sempre botei de menos o mar, aínda que agora traballo en Pontevedra e Ourense, e, ás veces, en Vigo...
—¡Arrea! ¡pois aínda menos mal que che gusta viaxar!
—En fin..., nestas ando agora, intentando sobrevivir ás viaxes laborais..., ¡porque coas de lecer non teño ningún problema! Pero estou sen moito tempo para pasear e gozar destas terras.
—¿E que máis che gusta facer?
—Algún premio de fotografía..., algunha saída de sendeirismo, música..., algunhas viaxes..., falan dos meus entretementos... Séguenme gustando as novelas de aventuras e as películas de espías, e ir á praia no verán...
—Iso non ten ningún mérito. Teríao ir á praia no inverno, pero no verán gústanos e queremos ir todo o mundo...
—¡Xa! Pois... o feito de que me guste máis o francés (¡ahhh!... ¡as vellas cancións de sempre!...) có inglés, ou a linguaxe das abellas máis cá das computadoras... ó mellor quere dicir algo... ou ó mellor non... ¡a saber!... ¡Ah! E procuro non esquecer o que dixo Roald Dahl: "É unha axuda grande ter moito sentido do humor. O escritor que pense que a súa obra é marabillosa, pasarao mal".
—¿Deseñas ou traballas?
—Psssss... a medicina é para min un amor e a literatura unha paixón. Un amor sen paixón non ten fol e unha paixón sen amor non ten fondo. Así que...
—¿Que traballo lembras especialmente?
—¡Boa pregunta!, pero non sei cal é a resposta... Todos. Tal vez, por distinto, a época que traballei nun centro para a mocidade en temas de sexualidade e anticoncepción... ¡que tempos aqueles!
—¡Cheos de sexo e orxías!
—Nooon, ¡señor que cruz!, cheos de traballo, mesmo no tempo de lecer, que dedicabamos con moita ledicia ó traballo...
—¡Iso é unha enfermidade!
—Pois, aínda que esteas de cachondeo, si que o é.
—Non estou, non. E ó final non nos dixeches en que traballas, en serio, agora.
—¿En serio?... mmmmm... ¡ah, si!, son profesora da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Vigo.
—¿E que máis?
—Ufff... ¡máis non, por fa!, mira se queres en: http://www.uvigo.es/webs/mpsp ¿si?
—Mbsss... vaaale...

[Marzo, 2004]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe á autora?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega