vb1riveiroloureiro.html
Manoel
Riveiro Loureiro (A Coruña, 1933) é un escritor vocacional, tal
vez compulsivo, anque serodio, que só empezou a publicar tralo
seu regreso dunha longa e non pouco azarosa emigración, na que
se emborcou en moi distintas actividades. Admirador teimudo e
confeso da noutrora formidable URSS, ten traducido ó castelán e
ó galego diversas obras clásicas da literatura rusa, tanto de
autores do século XIX coma de outros, aquí a penas coñecidos,
da época soviética.
Ós tres anos de idade, no verán
do 36, perde ó seu pai. "Non morreu, que o mataron. Non
morreu, que o mataron..." Así dicía en voz baixa a súa
nai, cando ficaba estantía, procurando o cativo, asustado,
falarlle a berros para arrincala de tal estado. A familia afonda
na máis absoluta miseria. Ós dez anos deixa a escola, a Grande
Obra do inefable Don Baltasar, no Campo da Leña, para integrarse
de cheo no mundo laboral. O seu primeiro salario era de dúas
pesetas, como neno de recados dun taller de costura. Metido
despois nun traballo sucio (axudante do repartidor de "La
Coruñesa. Carbonería Doméstica") chegou a dobra-lo seu
salario: catro pesetas diarias.
Xa medrado, acada o seu soño de
embarcar en pesqueiros, primeiro do día e despois do Gran Sol.
Fai a mili (Cartagena, logo Ferrol), navega en mercantes
estranxeiros, casa coa súa Encarna de sempre..., e por fin
instálase con ela no Uruguai, anque adoita desprazarse (el só)
por outros países. Marchan de Montevideo cos seus dous fillos
(arestora teñen catro, e catro netas) en 1973, xusto a tempo de
lle fuxir ó golpe dos milicos.
De Riveiro dise no Diccionario
de Escritores en Lingua Galega: "Cultiva
preferentemente o xénero narrativo, e, en menor medida, o
teatro. Varias das súas obras foron premiadas en concursos
literarios. Tirou do prelo unha chea de títulos que acreditan a
súa fecundidade como escritor".
|