Manuel Curros Enr�quez

(1851 - 1908)

 

 
Obras
Biografía
 
mb2curros.html

     Manuel Curros Enríquez integra, con Rosalía e Pondal, a grande tríada dos clásicos do XIX. Naceu en Celanova, en 1851, de onde fuxiu á idade de quince anos por mor das tensas relacións familiares. Instalouse en Madrid a fins de 1866, cidade en que se fixo bacharel e comezou a carreira de Dereito, ao tempo que se implicaba na vida política e colaboraba na imprensa. Nesta época, tanto a través da súa obra xornalística como da literaria, podemos ver a ideoloxía republicana e progresista de Curros que, como moitos intelectuais da súa época, acreditaba en que o progreso científico, o dereito e a educación traerían a felicidade a todos os homes. O seu ideal de goberno era unha democracia burguesa, laica e progresista, e de aí o seu anticlericalismo, posto que a Igrexa era un dos piares máis fortes de oposición a este sistema. A súa relación neste período coa lingua e a cultura galega era simplemente afectiva, de feito compuxo "A Virxe d'o Cristal", "O gueiteiro" e "Unha boda en Einibó" para as presentar a un concurso por petición da nai. O concurso fallouse en 1877, ano en que Curros se instalaba en Ourense como funcionario na Delegación de Facenda.
     Nesta etapa ourensá, o noso poeta poderá aplicar á realidade galega a súa ideoloxía progresista, e este confronto aproximará Curros aos rexionalistas. Aquí compuxo o seu poemario Aires d'a miña terra, que saía do prelo en 1880 e alcanzou inmediatamente un enorme éxito, acrecentado pola denuncia do bispo de Ourense, que solicitaba que fose confiscado e que o incluía no índice de libros prohibidos. Curros foi xulgado e absolto. A obra sería reeditada en 1881 e en 1886 con novas contribucións poéticas.
     Cesado no seu posto de Facenda en 1883, Curros volveu instalarse en Madrid. Alí traballou como xornalista, primeiro en El Porvenir e despois en El País, ao tempo que preparaba O divino sainete, que saiu do prelo en 1888. A crítica española recibiu este novo libro con eloxios, mais os amigos rexionalistas de Galiza cubriron a publicación cun veo de silencio. A pesar diso, Curros era un poeta recoñecido e foi coroado en Madrid, en 1893.
     Quizá por motivos político, quizá por motivos económicos e profesionais, en 1894 Curros emigrou a Cuba. Alí dirixiu La Tierra Gallega e, cando esta publicación desapareceu, entrou na redacción de El Diario de las Familias, e despois no Diario de la Marina. A súa estancia cubana coincidiu co momento máis activo do movemento independentista, o que o levou a reflectir sobre o imperialismo; de feito, en Cuba espallou os ideais de rexeneración para Galiza e todas as iniciativas culturais: era xa máis rexionalista que republicano.
     A clareza e enerxía con que defendía o seu ideario, a súa rebeldía, creáranlle problemas ao longo de toda a súa vida, e a situación volveu repetirse na emigración cubana: fora acollido con entusiasmo e acabou enfrontado con case todo. En 1904 volvía á Coruña, quizá coa intención de ficar. Foi recibido de novo con mostras de entusiasmo, coroado por segunda vez, mais non se lle deron facilidades, nin en Madrid, nin en Galiza, para establecerse. No poema "N'a tumba de Rosalía", Curros deixaba o seu testamento ideolóxico. Regresou a Cuba, onde morreu en 1908.

 

 

Fundación Curros Enríquez

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega