mb2leiraspulpeiro.html
Manuel
Leiras Pulpeiro (1854-1912) nace e morre en Mondoñedo,
importante centro eclesiástico e unha das antigas capitais
galegas. Fillo de médico cirurxián, inicialmente estuda Latín
e Humanidades no Seminario Diocesano, obtendo máis tarde o
título de bacharel en Artes no sonado Instituto de Tapia de
Casariego, na Asturias de fala galega. O gosto pola pintura e a
música acompañaríano para sempre.
No ano 1870 comeza en Compostela a
carreira de Medicina (estudos que continuaría en Valladolid e
Madrid, onde se licencia en 1877) e, un ano despois de obter o
título, instálase de novo en Mondoñedo para exercer como
médico até a súa morte.
Galeguista e anticlerical, aínda
que cristián, a vida na pechada sociedade mindoniense
resultoulle en moitas ocasións incómoda e abafante, enfrentado,
segundos as súas propias palabras, ao poder da
"cregaxe" opresora. O seu casamento civil en 1888, por
exemplo, tería unha enorme repercusión nos
xornais locais.
Desde a súa xuventude foi un
convencido republicano federalista. Así, mantén
correspondencia con Pi i Margall e en 1887 asiste en Lugo á
asemblea do Partido Republicano Federal en que se aproba un
"Proxecto de Constitución para o Estado Galaico". O
seu galeguismo levouno a cultivar literariamente a nosa lingua,
publicando os seus poemas desde 1884 no semanario ourensán O
Tío Marcos da Portela e, pouco despois, na
revista coruñesa Galicia. Trátase, no xeral, de
composicións que o autor redixira seguindo o modelo popular á
volta de moi variados temas.
O nome alcanzado como poeta galego
leva a que a Real Academia Galega o designe en 1905 membro
numerario, honor que o poeta modestamente rexeita. Con todo,
legará a esta institución o valioso material etnográfico e
léxico (refráns, adaxios, cantares, adiviñas, vocabularios...)
recollido durante toda a súa vida.
A pesar de os seus versos
apareceren con relativa frecuencia en xornais e revistas, Leiras
Pulpeiro só viu publicada en vida unha obra, Cantares
Gallegos (1911), en que se inclúen, xunto ás poesías
máis coñecidas, de contido social, outras de tema costumista ou
intimista, conxunto acrecentado con novas composicións en
edicións xa póstumas. En 1930 publícanse as súas Obras
Completas, Tomo I (Poesías) na editora Nós da Coruña, a
cargo dun anónimo compilador-transcritor, con oitenta e oito
novos poemas. O resto da súa producción sería reunido en 1970
polo académico Xosé Luís Franco Grande baixo o título Obra
completa.
Alén de poemas costumistas, de
grande riqueza léxica, anticlericais e algún intimista, Leiras
Pulpeiro cultivou a poesía patriótica (elevando a figura do
Mariscal Pardo de Cela á categoría de mito galeguista,
abandeirado das liberdades) e, a diferencia do seu paisano
Noriega Varela, non dubidou en utilizar a súa pluma en defensa
dos oprimidos campesiños que el tanto tratou debido á súa
profesión de médico.
Nove anos despois da súa morte,
republicanos e nacionalistas da época rendéronlle unha homenaxe
con motivo da inauguración do seu mausoleo (no cemiterio civil,
onde el propio pediu que o enterrasen), custeado polos
mindonienses residentes na Arxentina. Desde entón, pode lerse na
súa lápida: "Amou a verdade e practicou o ben".
|