Manuel Veiga


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2manuelveiga2.html

     Manuel Veiga Taboada, xornalista e escritor, naceu en Monforte de Lemos en 1960. Fillo de mestres rurais, viviu até os doce anos dacabalo entre Diomondi, parroquia do concello do Saviñao, e a cidade de Monforte. Realizou o bacharelato en Monforte e aos 17 anos marchou para Madrid, onde residiu entre 1977 e 1983. Licenciouse en Ciencias da Información e mais en Ciencias Políticas e Socioloxía na Universidade Complutense. En 1983 incorporouse á redacción do semanario A Nosa Terra, do que forma parte até o día de hoxe. En 2001 doutorouse en Ciencias Políticas e Socioloxía na UNED, cunha tese titulada "La construcción social de la realidad regional gallega a través de la prensa. El caso de Faro de Vigo (1898-1923)". Desde 1983 reside en Vigo. É compañeiro da avogada Ana Mosquera, coa que ten unha filla, Sabela, nacida en 2000.


Obra

     En 1998 publicou, na editorial Galaxia, a súa primeira novela, As ruínas da cidade amada, na que deixa ver un estilo conciso e de trazos impresionistas. A narración retrata o choque entre o orgullo de tempos pasados e o devalar do presente, nunha vila de relevante pasado histórico. A obra causou certa polémica en Monforte, onde varios dos seus personaxes foron relacionados con figuras locais.
     En 2001 deu a coñecer, en Espiral Maior, o libro de relatos Biografías de malogrados. Trátase de dez pequenas historias cun fío condutor común: o cuestionamento do éxito e dunha sociedade que só acepta os gañadores. Escritos con gran precisión —é difícil atopar nestes relatos palabras ou contidos sobrantes— deixan ver tamén unha importante crueza na análise das personaxes.
     En 2004, Manuel Veiga recibiu o premio Xerais pola novela O exiliado e a primavera. A obra sitúase temporalmente no período final do franquismo, arredor do ano 1974, e conta a historia dun exiliado, Alexandre Marrube, que regresa, cun permiso de tres meses á súa cidade natal, para acudir ao enterro da súa nai. A través do encontro cos familiares (xentes adaptadas ao réxime, un mozo antifranquista, etc...) e das súas vivencias persoais, o exiliado reflexiona sobre a sociedade coa que se atopa. As súas lúcidas observacións constitúen tamén un vaticinio pesimista da democracia que está próxima. No tocante ao estilo, trátase dunha narración lineal que logra, non embargante, unha gran tensión, grazas a unha prosa diáfana, pero moi rica en contidos, que consegue unha rápida comunicación co lector, mais que tamén reclama del a súa atención constante.

     En 2006 o autor recibiu o premio Manuel García Barros pola novela Lois e Helena buscándose un día de tormenta. A obra, editada por Galaxia, transcorre ao longo de un só día, nunha cidade que é metáfora de Vigo. A narración comeza cando Lois esperta de mañá e descobre que a súa muller marchou levando con elas as súas pertenencias. Lois sae de casa para buscala, ao tempo que se pregunta polas razóns do abandono. A segunda parte da novela ten a Helena como principal protagonista. Os acontecementos son vistos agora a través da súa óptica. A novela constitúe unha viaxe ou periplo polas rúas da cidade que se ergue tamén como un dos principais protagonistas. Lois e Helena buscándose un día de tormenta é ademais unha novela de referencias, tomadas da realidade, mais que lle fornecen á narración unha atmosfera estraña, como é o caso das gaivotas que pairan constantemente sobre os personaxes. A obra, en conxunto, retrata o gran baleiro social e persoal no que viven algunhas parellas de clase media, así como a incomprensión do mundo que as rodea.
     No eido do ensaio, Manuel Veiga publicou en 2003, na editorial A Nosa Terra, a obra O pacto galego na construcción de España, no que analiza as relacións entre Galiza e o Estado español no período da Restauración, en ámbitos como os gobernos e ministros da época, a emigración, o caciquismo, a propiedade da terra, a lingua, a imaxe exterior dos galegos, etc. Unha ilustrativa síntese que, segundo o catedrático Fermín Bouza, "segue a ser o punto de partida da Galiza real de hoxe".
     Manuel Veiga é autor tamén de varios traballos relacionados coa historia política e coa literatura, publicados en diversas revistas especializadas e entre os que cabe citar:
     -"Ánxel Fole. Unha vida truncada polo franquismo". (A Nosa Cultura, nº 17. 1997).
     -"O apoliticismo da burguesía viguesa (1881-1931)". (Grial, nº 151. 2001).
     -"Unha lectura histórica de Faro de Vigo desde a actualidade" (Estudios de Comunicación. Consello da Cultura. nº 1. 2002).
     -"Manuel María e o Deus das pequenas cousas. Revisión dos cincuenta anos de poesía do autor chairego". (O Foro das Ideas e das Artes. A Nosa Terra, nº 1090. 2003).
     -"Notas para unha biografía de Ángel Urzáiz, deputado por Vigo durante corenta anos". (Boletín do Instituto de Estudios Vigueses, nº 10. 2004).
     -"O réxime de Primo de Rivera en Vigo e na provincia de Pontevedra: da esperanza á desilusión" (Pontevedra. Revista de Estudios Provinciais, nº 20. 2004).
     -"Guerra Civil. Do pacto de silencio a unha polémica explosión bibliográfica" (A Trabe de ouro, nº 63. 2005).
     -"O lugar dos sentimentos na construción nacional". (Grial, nº 167. 2005).
     -"Por unha visión galega da guerra civil española". (Grial, nº 169. 2006).

[Marzo, 2007]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega