vb2mariacanosa.html
Eu son María Canosa
Blanco, María.
Nacín un día de moita calor, o 20 de agosto de 1978;
quizais por iso me gusta tanto o sol, a praia, o ceo azul, o mar,... Quizais por
iso gusto tanto das paisaxes da Costa da Morte, quizais por iso quixera
retratalas nos meus relatos. Quizais por iso.
Vivín en Cee ata que comecei os estudios
universitarios, trasladándome á Coruña. Na miña vila comezaron os intereses
literarios, a necesidade de expresarme e contar cousas, e animada polos mestres
comecei a presentarme a diversos concursos literarios, e acadar algún premio. O
primeiro recibino da A.C. "O FACHO", no ano 1.986. Aínda que comecei
escribindo contos, no ano 1.989 levei o meu primeiro premio de poesía, da man
da A.C. XERMOLOS, no certame literario "Terra Cha". Outras
institucións que tiveron a ben premia-los meus traballos literarios foron: a
ONCE, co "Concurso de Contos en Galego"; a "Feira do Libro de
Cee"; a A.C. Terra de Sena; a Biblioteca Municipal D. Francisco Mayán; o
Concello de Corcubión; a Federación de Libreiros; o Instituto Agra de Raíces;
o certame Francisco Fernández del Riego; a A.C. Niké,... e outras. Algúns dos
escritos, gracias a estes galardóns, viron a luz en forma impresa, como tamén
foi o caso da participación na Revista Nenas, "Festa da palabra
silenciada".
A primeira novela naceu case froito da casualidade,
tamén nun verán; pero este chuvioso e gris. Eu pasei as épocas estivais da
infancia na aldea materna, Lires, xogando a todas horas cos meus primos e os
veciños do lugar. Pero unha tempada dun dos veráns deu en chover, e ó non
podermos xogar na rúa tiñamos que busca-la diversión dentro da casa. Como non
podía ir na procura de aventuras polos recunchos da aldea adiante, decidín
inventar unha aldea para min, un tempo e unha historia.
Así naceu e así medrou Bramido Maino, coa única intención de
divertirme, de xogar, sen outra pretensión. A sorpresa foi que, tras atopar un
concurso no que a puiden presentar, resultase galardoada. Recibiu un accésit,
pero resultei ser a máis agraciada dos participantes, xa que á cea á que nos
convidaron para celebra-lo evento, tamén acudiu D. Manuel Beiras García, quen
alentado polo miña xuventude e ledicia (contaba eu con trece ou catorce anos)
interesouse pola publicación da miña obra, e sen que eu soubese practicamente
nada encargouse da publicación da mesma en Edicións do Castro, en 1.997.
Mágoa que el xa non o puidese ver, por mor do seu pasamento.
Seguín escribindo, lendo, soñando... creando
historias e poemas. Participei en mesas redondas (Biblioteca de Narón ou
Colectivo Elvira Bao), recibín dúas bolsas de creación literaria promovidas
pola Consellería de Cultura (Xunta de Galicia) nos anos 1.994 e 1.995,
participei en fórums literarios con alumnos e alumnas e nas campañas
"Fomento da Lectura" e "Os nosos escritores" da Xunta de
Galicia, diversos recitais poéticos (Galería Sargadelos, Castelo de Vimianzo,
Concello de Corcubión, Mostra de Artesanía de O Couto, Batallón Literario da
Costa da Morte, A Festa das Letras,...) presentei o volume "Achegamento ó
libro" do que son coautora, fun a pregoeira da XIX edición de "A
Festa das Letras" (Ponteceso), ...
Ando a xogar coas cifras e as letras nun programa da
TVG, e colaboro semanalmente no xornal La Voz de Galícia.
E sempre, sempre, ando a cavilar nas historias. Algunhas, convértense en libros.
A miña família di que todo isto é froito da maxia que utilizo, a de escribir
para soñar e a de soñar para vivir.
Facebook da autora
|