Mar�a Lado


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb9marialado

  A María Lado parírona alá por 1979 nun coche da velvet underground nalgún lugar da nada que une a nada do Cee que figura oficialmente como lugar de nacemento e Santiago de Compostela, a gran nada no centro da nada.
  Pero ela non podía con ese baldeiro e medrou enchéndoo de pegadas. Ten publicados tres libros con textos deses que non chegan ao final da liña: A primeira visión (letras de cal, 1997), Casa atlántica casa cabaret (Xerais, 2002) e Berlín (Concello de Santiago-El Correo Gallego-AELG, 2005).
  Un bo feixe de volumes colectivos conteñen o resultado do seu traballo: Treze (que recolle os textos gañadores dun premio literario que ela non lembra cal é e eu tampouco aínda que teño o libro na casa), Nós e rumbo ás illas (publicacións do batallón literario da costa da morte ao que pertenceu), variados libros de inspiración reivindicativa ( O entrelazo das palabras, Negra sombra, Sempre mar), antoloxías máis ou menos ao uso da poesía galega: dEfecto 2000 (letras de cal, 2000), 25 anos de poesía galega 1975-2000 (La Voz de Galicia, 2003), As sonorosas cordas (Eneida, Madrid, 2005) ou Poetízate (Xerais, 2006) e outros volumes colectivos como Os gozos e as sombras (Fundación Gonzalo Torrente Ballester, 2005), Forxa literaria (Fundación Casa Museo A Solaina, 2002... ), Festival de poesía do Condado (2005), A palabra (catálogo do 2º encontro de arte e natureza no castelo de Soutomaior, Deputación de Pontevedra, 2005) ou Por man propia (Bourel, 2005).
  Outros poemas espallados seus percorreron mundo en diversas publicacións periódicas como Cosmoguía (Córdoba), Alquimia, Comentário (Lisboa), Dorna,  Bravú, La luna (Mérida), etcétera (onde non se indica localización, enténdese Galiza).
É coguionista con Julia Montilla da radionovela Novembro, dentro do proxecto edición marco-fundación Luís Seoane-CGAC 2006.
Por temporadas deixou pegadas en Vieiros, no programa de radio As antípodas, na radiofusión, e no espazo e-music de Cuac fm-extrarradio.
  Na actualidade reside na Coruña  disposta a seguir deixando pegadas.

Eduardo Estévez
 
 
 

¿Quéreslle mandar unha mensaxe á autora?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega