Marcial Valladares

(1821 - 1903)

 

 
Obras
Biografía
 
m1valladares.html

     O polifacético escritor Marcial Valladares Núñez naceu en Vilancosta, no concello pontevedrés da Estrada, no ano 1821. Cursou Dereito en Santiago de Compostela (licenciaríase en 1844) e exerceu durante uns anos como xurista, chegando a desempeñar o cargo de Xefe Superior da Administración Civil. Porén, a partir de 1866 dedicaríase por completo ás letras desde a súa aldea natal. Escribiu poemas costumistas (deu a coñecer algúns deles no Álbum de la Caridad), foi asiduo colaborador de numerosas publicacións galegas e americanas e investigou as diferentes mostras da nosa literatura popular. Resultado deste interese pola oralidade foron os seus relevantes contributos á Colección de enigmas y adivinanzas e ao volume cuarto da Biblioteca de Tradiciones Populares (Folklore Español), do compostelán Antonio Machado y Álvarez.
     Nun momento en que comezan a agromar os primeiros traballos lingüísticos á volta do idioma galego, Valladares publicou o seu Diccionario gallego-castellano (1884), que lle valeu o seu nomeamento como membro da Real Academia Española. Para alén da lexicografía, ocupouse tamén do estudo da nosa lingua, sendo recollidas as súas conclusións en Elementos de gramática gallega, datados en 1892 e editados en 1970. Non obstante, o traballo que máis sona lle concedeu foi a novela Majina ou a filla espúrea. Encabezada polo epígrafe Conto gallego-castellano de miña abó, con data de 1870, Majina é o primeiro testemuño de prosa de ficción da nosa literatura. Apareceu como folletín na revista La Ilustración Gallega y Asturiana durante 1880 e non voltou a ser publicada até 1970, ano en que se dedicou ao estradense o Día das Letras Galegas. O romance, de clara filiación ao costumismo, romantismo e realismo imperantes, mais sen renunciar a certos elementos da nosa narrativa tradicional, desenvólvese arredor da violación dunha muller aristócrata, que ten como resultado o nacemento dunha cativa de pai descoñecido. A evidente simplicidade e maniqueísmo no tratamento do tema, de longa tradición popular, obedece ao idealismo populista que preside a obra.
     Faleceu Valladares en 1903, no mesmo lugar en que nacera, deixando un bon número de traballos inéditos, entre eles un Cantigueiro popular confeccionado en 1867 que non se sairía á luz até 1970.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega