vb2marilaraleixandre.html
Marilar Aleixandre (María Pilar
Jiménez Aleixandre, Madrid 1947)
Teño saudades de todas as cidades
e vilas nas que vivín: Ceuta (o limoeiro de lúa que tiñamos no
patio); Doña Mencía (ir comer figos ó romper a alba con meu
pai); Madrid (o cineclube de Areneros, onde vin por vez primeira
"Freaks"); Vigo (as mimosas en flor en decembro);
Santiago de Compostela se algún día marchase, e ata outras
cidades nas que nunca ou só brevemente vivín: Donostia,
Perugia, Boston. Debido a Ramón Facal teño unha relación
especial con Toba, Cée e coa Costa da Morte onde están situados
algúns dos meus libros como "Lobos nas illas" e
"A formiga coxa", e pertenzo ó Batallón Literario da
Costa da Morte e ó consello editorial de Letras de Cal.
Tiven a sorte de recibir unha
esmerada educación rockeira asistindo a "Caravana" de
Ángel Álvarez a finais dos 60; entre semana estudiaba Bioloxía
e cheguei a ter unha relación bastante intensa cos escaravellos.
Nos 70 comecei a ensinar Ciencias, e puiden mercar unha moto.
Agora ensino Didáctica das Ciencias e Educación Ambiental na
Universidade de Santiago de Compostela; no canto de apañar
escaravellos apaño palabras descarreiradas. Hai quen pensa que
os escritores levamos unha vida aventureira, pero eu non viaxei
en trineo polo Ártico, aínda que confío en facelo algún día.
Mentres tanto escribo poemas, contos e novelas.
Aprendín a escribir ademais de lendo redactando panfletos e artigos para revistas de partidos
clandestinos (todos, cando eu estudiaba). O primeiro relato que
escribín, un conto sobre vampiros, foi o xérmolo de
"Agardando polos morcegos", pero tardei bastante en
publicar "A formiga coxa". Despois viñeron, "A
expedición do Pacífico" (Premio da Crítica de Galicia
1995) alternando con narrativa para adultos, como "Lobos nas
illas" sobre as tortuosas relacións familiares, ou A
Compañía Clandestina de Contrapublicidade (Premio Álvaro
Cunqueiro1998). A miña última novela "Teoría do
Caos", un texto sobre as traizóns, recibiu o premio Xerais
en 2001. Escribir permítenos facer entrar ós demais nos mundos
que imaxinamos.
Uso o galego como lingua literaria
porque teño a lingua partida, aínda que non todos os bichos con
lingua gallada son perversos. Creo que, no fondo, os relatos ou
os poemas son mensaxes escritas con tinta, chuspe ou sangue que
guindamos ó baleiro coa esperanza de que alguén os reciba.
|