Marta Dacosta


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2martadacosta.html

     Son filla da clase obreira viguesa, un peón de Citroen e unha alestidora de palangres que deixaría o seu traballo para coidar da nena que ía vir. Así nacín eu un San Miguel de 1966 en Vigo.
     Meus pais abandonaron o colexio con nove anos e da súa infancia lembran as penurias e a fame do tempo da posquerra. Aínda así transmitíronme o desexo do coñecemento e o amor pola arte. Da miña nai herdei o gusto por cantar e do meu pai os primeiros libros publicados por Galaxia nos anos 50: Castelao, Rosalía ... que eu lía con dez anos, recuperándoos dos ratos e a humidade.
     E pouco a pouco me fun facendo consciente de que a miña lingua era outra. Para min é como un misterio. Aprendéronme a falar en castelán, miña nai nunca falou galego, diso encargáronse as mestras formadas na sección feminina, e meu pai fálao dun xeito completamente deturpado, irrecoñecíbel, o castrapo propio dun habitante dos arredores da cidade. Aínda así, non tiña nove anos cando escribín dúas páxinas de teatro en galego. Gárdaas meu pai, como se fose un incunábel.
     Como querían o mellor para min leváronme a un colexio de monxas: as Carmelitas, gracias a iso, en parte, cultivei o meu rexeitamento á relixión e á clase eclesiástica. Logo conseguín matricularme nun centro público, no Instituto Santo Tomé de Freixeiro e alí comecei participar en concursos literarios. Por esas datas seica se estaba a producir en Vigo a "Movida Viguesa", pero eu, como a meirande parte das miñas compañeiras e compañeiros era allea a esa movida cultural, pouco galega.
     Entrei en contacto con ela catro anos máis tarde, no Colexio Universitario, onde coñecín a algúns debuxantes que se esforzaban en sacar adiante fanzines que morrían por falta de apoios. Pero xa non quedaba nada dela. Contra ela, precisamente, realizariamos o primeiro recital no ano 1987.
     Chegaba abril e un compañeiro que colaboraba con Radio Ecca propúxonos a posibilidade de realizar un recital. Así comezamos a elaborar un manifesto e unha tarde baixo o título de "Na cidade espida" recitamos ante unha sala ateigada de compañeiros e compañeiras de facultade e público diverso. Eramos catro, un deles Fran Alonso, compañeiro de estudios que seguiría adicándose ao oficio de escribir.
     En 1989 rematei a licenciatura en Filoloxía, na subsección, daquela, de Galego-Portugués. Deses anos lembro especialmente a miña participación no Grupo de Teatro de Galego, onde fixen amizade con Roberto Salgueiro, Pablo Rodriguez, Artur Trillo ou Isabel Vaquero. Representamos o Don Hamlet de Cunqueiro no Teatro Principal, con ameaza de bomba incluída.
     Rematada a carreira comecei traballar como docente de inmediato: Compostela, Sarria, Curtis, Negreira ... Tomiño. Nestes anos entrei na UTEG, chegando ser liberada sindical desta organización, o que me permitiu vivir de preto o proceso de unificación que daría nacemento á CIG, onde sigo traballando activamente.
     Son os anos en que comezo facer públicos os meus escritos, primeiro en revistas: Congostra, Olisbos, o xornal A Peneira, onde obtería o meu primeiro premio, Lúa, da Asociación Cultural Rosalía Castro de Cornellá, con ocasión de ter gañado o 3º premio Rosalía Castro ... En 1994 sae á luz o primeiro libro: Crear o mar en Compostela, premio de poesía O Grelo, a partir de aquí virían outros premios e outros libros: Pel de ameixa, González Garcés 1995, Setembro, Martín Códax 1998, En atalaia alerta, accésit do Esquío 1999.
     Durante eses anos, 1987-1998, vivín en Compostela, onde coñecín a moitos dos poetas da miña promoción: Rafa e Miro Villar, Paco Souto, cos que mantiven relación desde moi cedo e, máis tarde, Eduardo Estévez, Estevo Creus ...Con eles colaborei para levar adiante distintas empresas, a máis ambiciosa e a máis recente Letras de Cal, onde entramos a participar 18 escritores para publicar obra inédita dos máis novos.
     Nestes anos composteláns participamos activamente en recitais, quixemos compartir e difundir a poesía, e o primeiro grande froito deste labor foi o contacto entre nós mesmos: Chus Pato, Lupe Gómez, Yolanda Castaño, Emma Couceiro, Verónica Martínez, Igor Lugrís, Olga Novo, Celso Fdez. Sanmartín, María Lado, Isolda Santiago, Sechu Sende, Mónica Góñez, Marilar Aleixandre, a parte de todos os xa citados anterioremente.
     Os meus libros individuais son todos resultado dun certame literario. Por que? Porque ao principio era máis doado ampararse no anonimato dun concurso, pero ao pasar dos anos non conseguín publicar nunha editorial, seica porque xa tiñan unha lista de espera moi ampla. Supoño que isto deixará de ser así proximamente. Esta situación, pola que tamén pasaron outros poetas do meu tempo, foi o que nos fixo considerar a necesidade de crear unha colección que atendese aos máis novos, especialmente aos que nunca publicaran, e penso que foi unha moi boa idea, neste momento hai xa varios títulos na rúa e a colección ten unha calidade notábel. Pero que conste, porque el non o dirá, que en parte todo isto, non me refiro soamente a Letras de Cal, débese a Rafa Villar, ao seu empuxe e ao seu ánimo, e tamén a Eduardo Estévez, que tomou o relevo do traballo que supón Letras de Cal e todo o que xira ao seu redor.
     E máis nada, só que procuro escribir co corazón, co firme propósito de revolverlle o estómago ao que se senta fronte aos meus poemas, e que aínda teño que escribir o poema máis importante, pero non sei cando poderei facelo, porque ese, o poema comprometido co tempo en que estou a vivir e coa miña condición humana, precisa dunha voz sólida e un pulso firme.

 

 

blog da autora


¿Quéreslle mandar unha mensaxe á autora?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega