vb2miguelmatofonto.html
Nacin na Ponteceso, en
1953, nunha casa ao pé dun piñeiral, fronte ao Campo da Feira, un 29 de abril.
Vivin no seu dunha familia tradicional, con moita xente e moitas visitas. Os
avós teñen un grande protagonismo na infancia, especialmente as avoas, debido
ás súas personalidades tan diferentes, tan distintas na forma de influir en
min.
A miña avoa Teresa, nai da miña nai, foi quen me
iniciou na lectura e no amor pola arte. Era mestra, tiña unha grande cultura e
ensinoume francés. Viña dunha notábel familia de Corme e un irmán seu foi o
mariño e naturalista Xosé María Mosqueira Manso, do que sempre me falaba con
grande amor respecto e admiración, ao tempo que del calou o que non conviña a
unha familia de moral un tanto puritana, mais que, cando delas souben, fixeron
do ilustre mariño unha personaxe máis atractiva aínda aos meus ollos.
O mundo da infancia poderíase explicar a través de
imaxes, como fotos fixas: o inverno, os xungais anegados, os bandos de aves
invernantes, os cazadores, os días interminábeis do verán, tan luminosos, as
agras amarelas co trigo, as anduriñas, a praia de Valarés e o seu mar, a pesca
da robaliza na marea, o río, a recitación dun poema de Pondal aos catro anos.
Tamén a xente que viña pola casa, os labregos, os días de feira, os cans. A
horta de froita. Os avós que foron indo pouco a pouco cara algún lugar perdido
entre a néboa.
Logo marchei para A
Coruña, por razóns de traballo do meu pai. Veterinario como o seu pai e seu
irmán Manolo, comezou a traballar para unha multinacional belga, aló nos
comezo dos tempos da moderna explotación avícola e gandeira.
El foi quen me aproximou ao mundo rural que coñecera e
amaba. Un mundo que naqueles anos comezaba o seu esmorecemento.
Na Coruña pasei o bacharelato e os primeiros anos
universitarios. O coñecemento doutros rapaces e do mundo urbano. A
continuación da maxia do cine e do ambiente de discotecas e, máis adiante, do
mundo da noite dos pubs. Daquela estaba o mítico Patacón e pouco máis.
Sonaban as cancións, Abbey Road e todo iso.
A participación política demorou un pouco, e cando
chegou foi unha aproximación ao Partido Socialista Galego. Primeiro, o
compromiso de utilizar o galego como única lingua de expresión, e o orgullo da
tribu. A entrada no nacionalismo de esquerdas significou un novo rumbo na vida
en moitos aspectos, claro.
Non deixei xamais o contacto co mundo pontecesán que
alterno co coruñés. Un e outro van deixando o seu pouso.
Aqueles anos concedéronme tamén o coñecemento dos
amigos que manteño até hoxe: César Morán, Lino
Braxe, Miguel
Fernán Vello, os poetas de Amor e Desamor. O contacto co mundo da
literatura permíteme coñecer a persoas que xa formarán parte da miña vida.
Algúns, como Lois
Pereiro, Luisa
Villalta, Antón
Avilés, Uxío
Novoneyra ou Manuel
María xa non están. En cada época da nosa vida hai xente querida que toma
un día o camiño da brétema.
Resido na Coruña, onde imparto aulas de lingua e
literatura galega e literatura universal.
|