Miguel Sande


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2miguelsande.html

     Nacín en Pastoriza, no Concello de Arteixo, no 61. Comecei a escribir os primeiros poemas e relatos nos entardeceres de Barrañán, ollándoos desde o alcantilado, no coche. Eses primeiros libros xa non me importan; en realidade téñoos esquecidos.
     Por iso o primeiro libro que quero sinalar é, «Á alba pide comigo vivir», co que quedei finalista no premio nacional de teatro Calderón de la Barca no ano 84, convocado polo Instituto de las Artes Escénicas, do Ministerio de Cultura. É o monólogo dunha moza universitaria unha noite do Apóstolo que no último curso da súa carreira universitaria decide abortar. Está adicado a A., pero iso non importa. Foi editado polos Servicios de Publicacións da Xunta, gracias ó apoio entón de Ramón Piñeiro.
     Anos despois, xa no 98, publiquei o segundo libro de teatro, «Ninguén chorou por nós», premio Rafael Dieste. Foi editado pola Deputación da Coruña e representou a obra a compañía Teatro Bruto (nunha adaptación libre). A estrea tivo lugar en setembro do 99 no teatro Colón. É un texto difícil, arriscado, baseado nos silencios, nas imaxes, nun berro. Un home, arredantario histórico, perde a súa casa do val e a terra que traballou toda a vida o mesmo día en que a súa filla le a tesiña na facultade. Apenas hai palabras, só as da filla, nun momento da obra. Si quixera subliñar que entendo o teatro como un xénero literario: o TEATRO É LITERATURA; polo tanto, O TEATRO TAMÉN É PARA LER. Todo o teatro, pero desdelogo, o teatro que eu escribo ten toda a súa forza no texto: é, e será sempre, un texto aberto.
     Agora escribín unha última obra, que remito á editorial dixital da Universidade da Coruña: «39 veces chao». É outro monólogo através dun teléfono móbil: sete chamadas, que fixan as escenas e a frecuencia desas chamadas marcan o ritmo da obra. Trata sobre un amor difícil, cáseque imposible, que a sociedade chama adúltero, pero é puro, verdadeiro.
     Como poeta teño publicados varios poemarios, pero só quero subliñar un: os poemas do deserto. Un libro escrito no deserto sahariano, entre Túnez e Alxeria. Editouno Espiral Maior no 85: un libro miudo, unha edición coidada. O seu título é, «A palabra soterrada» (Apuntes do deserto). Foi un libro de lectura recomendada nun curso de 3º de Maxisterio en Santiago. É un libro que me deu moitas satisfaccións e que aínda hoxe me transmite a mesma frescura e as mesmas sensacións. Gosto del.
     Está a piques de se publicar agora outro: «Furtivos». No seu momento falarei del.
     En Laiovento teño publicado no 94 un libro de reflexións, de viaxe (que aínda saiu catalogado como ensaio, en realidade é narrativa pura, creación).
     Nada máis, acaso apontar que me dedico ó xornalismo: son delegado de La Voz de Galicia na Mariña lucense e no Occidente de Asturias. Vivo en Viveiro, unha costa que me era descoñecida e que estou a descobrir aínda un pouco cada día, pese a levar residindo aquí xa máis de trece anos. Estas terras altas do norte, esta costa, son aínda unhas grandes descoñecidas; esa é tamén, acaso, a súa vantaxe. O noso privilexio.

[Febreiro, 2002]


¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega