vb2miguelsande.html
Nacín
en Pastoriza, no Concello de Arteixo, no 61. Comecei a escribir
os primeiros poemas e relatos nos entardeceres de Barrañán,
ollándoos desde o alcantilado, no coche. Eses primeiros libros
xa non me importan; en realidade téñoos esquecidos.
Por iso o primeiro libro que quero
sinalar é, «Á alba pide comigo vivir», co que quedei
finalista no premio nacional de teatro Calderón de la Barca no
ano 84, convocado polo Instituto de las Artes Escénicas, do
Ministerio de Cultura. É o monólogo dunha moza universitaria
unha noite do Apóstolo que no último curso da súa carreira
universitaria decide abortar. Está adicado a A., pero iso non
importa. Foi editado polos Servicios de Publicacións da Xunta,
gracias ó apoio entón de Ramón
Piñeiro.
Anos despois, xa no 98, publiquei o
segundo libro de teatro, «Ninguén chorou por nós», premio
Rafael Dieste. Foi editado pola Deputación da Coruña e
representou a obra a compañía Teatro Bruto (nunha adaptación
libre). A estrea tivo lugar en setembro do 99 no teatro Colón.
É un texto difícil, arriscado, baseado nos silencios, nas
imaxes, nun berro. Un home, arredantario histórico, perde a súa
casa do val e a terra que traballou toda a vida o mesmo día en
que a súa filla le a tesiña na facultade. Apenas hai palabras,
só as da filla, nun momento da obra. Si quixera subliñar que
entendo o teatro como un xénero literario: o TEATRO É
LITERATURA; polo tanto, O TEATRO TAMÉN É PARA LER. Todo o
teatro, pero desdelogo, o teatro que eu escribo ten toda a súa
forza no texto: é, e será sempre, un texto aberto.
Agora escribín unha última obra,
que remito á editorial dixital da Universidade da Coruña: «39
veces chao». É outro monólogo através dun teléfono móbil:
sete chamadas, que fixan as escenas e a frecuencia desas chamadas
marcan o ritmo da obra. Trata sobre un amor difícil, cáseque
imposible, que a sociedade chama adúltero, pero é puro,
verdadeiro.
Como poeta teño publicados varios
poemarios, pero só quero subliñar un: os poemas do deserto. Un
libro escrito no deserto sahariano, entre Túnez e Alxeria.
Editouno Espiral Maior no 85: un libro miudo, unha edición
coidada. O seu título é, «A palabra soterrada» (Apuntes do
deserto). Foi un libro de lectura recomendada nun curso de 3º de
Maxisterio en Santiago. É un libro que me deu moitas
satisfaccións e que aínda hoxe me transmite a mesma frescura e
as mesmas sensacións. Gosto del.
Está a piques de se publicar agora
outro: «Furtivos». No seu momento falarei del.
En Laiovento teño publicado no 94
un libro de reflexións, de viaxe (que aínda saiu catalogado
como ensaio, en realidade é narrativa pura, creación).
Nada máis, acaso apontar que me
dedico ó xornalismo: son delegado de La Voz de Galicia na
Mariña lucense e no Occidente de Asturias. Vivo en Viveiro, unha
costa que me era descoñecida e que estou a descobrir aínda un
pouco cada día, pese a levar residindo aquí xa máis de trece
anos. Estas terras altas do norte, esta costa, son aínda unhas
grandes descoñecidas; esa é tamén, acaso, a súa vantaxe. O
noso privilexio.
|