Montse Varela


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
Montserrat Varela

     Hola. Chámome Mª Montserrat Varela Vázquez. Os amigos chámanme Montse. Nacín en Santiago o trece de maio de 1969 e vivín ata setembro do 97, dende entón resido nunha parroquia do concello de Arzúa.
     Nos anos 91 e 92 traballei na Fonsagrada e en Melide como axente de desenvolvemento local durante un ano. Dende o ano 97 ata febreiro do 2004 desenrolei a miña profesión como traballadora social nos concellos de Boimorto e Vilasantar. Na actualidade e dende o ano 91 continúo a traballar nos servicios sociais de atención primaria do concello de Vilasantar (A Coruña).
     Dende 1990 ata o 1994 desenvolvín unha laboura de animación social e cultural de maneira desinteresada no Centro Cultural "Casa Agraria", do barrio de Meixonfrío de Santiago. E tamén colaborei con outras asociacións de tipo cultural como a agrupación folclórica "Cantigas e Agarimos", da cal formei parte do coro dende o ano 1989 ata o ano 2002.
     Dende ben nena sempre tirou polo meu interese a cultura e lingua galegas. A pesares de que daquela nos colexios, ainda se estaba a comezar coa asignatura de galego, e a fala que predominaba era o castelán. Os meus pais e parentes, anque galego falantes, a min falábanme castelán coma se acostumaba naquel entón, (non hai moitos anos, estaba o galego non moi ben visto socialmente). De tódolos xeitos crieime aprendendo a lingua materna e tamén os costumes e ensinos do medio rural galego, porque "O Cruceiro" da Coruña, naquel entón, era unha aldea de Santiago, anque actualmente xa foi absorvida polo casco urbán.
     Aprendendo todo o que os meus avós e pais, todos eles procedentes de parroquias rurais limítrofes con Santiago, me ensinaron sobre a cultura tradicional galega; con once anos, comecei a escribir poesías en galego, cousas bastante profundas, para a miña ideade, e moi sentidas pola terra. A esa idade tamén lin o meu primeiro libro en galego: O cabaliño de buxo, logo Memorias dun neno labrego e Cartas a Lelo, de Xosé Neira Vilas, libros que conservo ainda coma ouro en pano, pois descubríronme un mundo que eu coñecía pero que non me atrevía a manifestar, e sentinme plenamente identificada con aqueles nenos do rural e coas súas vivencias. Eu non era distinta a eles, sentía coma eles, polo tanto tiña que falar galego.
     Ainda tardei ata os catorce anos en soltarme a falar só galego. No instituto de bacharelato "Arcebispo Xelmirez I e II" de Santiago, sentinme plenamente libre para facelo, escribía poesía en galego e apoiáronme algún dos mestres; ata recibín un premio de poesía de mans de don Antonio Fraguas (finado profesor e etnógrafo, polo que sinto unha grande admiración), eso alentoume a seguir a escribir ata o día de hoxe, anque non tiven o empeño en publicar ou darme a coñecer, os derroteiros da vida leváronme por outros camiños.
     E quen sabe, nunca é tarde, e varios poemarios están ahí para que eu lles saque o pó. O único que publiquei é un libro de contos en verso para os mais cativos, Cantos contos nun tris tras, que se basea nas lembranzas desas aprendizaxes de cando nena e nas experiencias que tiven cos máis cativos cando realizaba a miña laboura como animadora social.
     Teño escrito máis de dous mil versos. Destes algúns están recollidos en tres poemarios sen publicar. E supoño que seguirei a escribir poesía.
     Tamén teño escrita unha obra de teatro para nenos. E varios contos máis. Sen publicar.
     Acabo de rematar un ensaio sobre temas de etnografía da cultura popular galega que fun recollendo nos últimos vinte anos e tamén realicei unha investigación de recollida sobre oficios xa desaparecidos, cantigas, contos, lendas, supersticións, etc. Esta obra tamén sen editar.
     En realidade logo de tantos anos de tela ansia de escribir é agora cando me entraron gañas de tentar publicar algunhas cousas. Non sei se porque un se vai facendo vello ou porque todos temos unha cunca de vanidade que queremos encher. O que pase daquí en diante coas miñas ilusións a nivel literario xa volo irei contando.

[Outubro, 2004]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe á autora?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega