Montserrat Varela
Hola. Chámome Mª
Montserrat Varela Vázquez. Os amigos chámanme Montse. Nacín en Santiago o
trece de maio de 1969 e vivín ata setembro do 97, dende entón resido nunha
parroquia do concello de Arzúa.
Nos anos 91 e 92 traballei na Fonsagrada e en Melide
como axente de desenvolvemento local durante un ano. Dende o ano 97 ata febreiro
do 2004 desenrolei a miña profesión como traballadora social nos concellos de
Boimorto e Vilasantar. Na actualidade e dende o ano 91 continúo a traballar nos
servicios sociais de atención primaria do concello de Vilasantar (A Coruña).
Dende 1990 ata o 1994 desenvolvín unha laboura de
animación social e cultural de maneira desinteresada no Centro Cultural
"Casa Agraria", do barrio de Meixonfrío de Santiago. E tamén
colaborei con outras asociacións de tipo cultural como a agrupación
folclórica "Cantigas e Agarimos", da cal formei parte do coro dende o
ano 1989 ata o ano 2002.
Dende ben nena sempre tirou polo meu interese a cultura
e lingua galegas. A pesares de que daquela nos colexios, ainda se estaba a
comezar coa asignatura de galego, e a fala que predominaba era o castelán. Os
meus pais e parentes, anque galego falantes, a min falábanme castelán coma se
acostumaba naquel entón, (non hai moitos anos, estaba o galego non moi ben
visto socialmente). De tódolos xeitos crieime aprendendo a lingua materna e
tamén os costumes e ensinos do medio rural galego, porque "O
Cruceiro" da Coruña, naquel entón, era unha aldea de Santiago, anque
actualmente xa foi absorvida polo casco urbán.
Aprendendo todo o que os meus avós e pais, todos eles
procedentes de parroquias rurais limítrofes con Santiago, me ensinaron sobre a
cultura tradicional galega; con once anos, comecei a escribir poesías en
galego, cousas bastante profundas, para a miña ideade, e moi sentidas pola
terra. A esa idade tamén lin o meu primeiro libro en galego: O cabaliño de
buxo, logo Memorias dun neno labrego e Cartas a Lelo, de Xosé
Neira Vilas, libros que conservo ainda coma ouro en pano, pois
descubríronme un mundo que eu coñecía pero que non me atrevía a manifestar,
e sentinme plenamente identificada con aqueles nenos do rural e coas súas
vivencias. Eu non era distinta a eles, sentía coma eles, polo tanto tiña que
falar galego.
Ainda tardei ata os catorce anos en soltarme a falar
só galego. No instituto de bacharelato "Arcebispo Xelmirez I e II" de
Santiago, sentinme plenamente libre para facelo, escribía poesía en galego e
apoiáronme algún dos mestres; ata recibín un premio de poesía de mans de don
Antonio Fraguas (finado profesor e etnógrafo, polo que sinto unha grande
admiración), eso alentoume a seguir a escribir ata o día de hoxe, anque non
tiven o empeño en publicar ou darme a coñecer, os derroteiros da vida
leváronme por outros camiños.
E quen sabe, nunca é tarde, e varios poemarios están
ahí para que eu lles saque o pó. O único que publiquei é un libro de contos
en verso para os mais cativos, Cantos contos nun tris tras, que se basea
nas lembranzas desas aprendizaxes de cando nena e nas experiencias que tiven cos
máis cativos cando realizaba a miña laboura como animadora social.
Teño escrito máis de dous mil versos. Destes algúns
están recollidos en tres poemarios sen publicar. E supoño que seguirei a
escribir poesía.
Tamén teño escrita unha obra de teatro para nenos. E
varios contos máis. Sen publicar.
Acabo de rematar un ensaio sobre temas de etnografía
da cultura popular galega que fun recollendo nos últimos vinte anos e tamén
realicei unha investigación de recollida sobre oficios xa desaparecidos,
cantigas, contos, lendas, supersticións, etc. Esta obra tamén sen editar.
En realidade logo de tantos anos de tela ansia de
escribir é agora cando me entraron gañas de tentar publicar algunhas cousas.
Non sei se porque un se vai facendo vello ou porque todos temos unha cunca de
vanidade que queremos encher. O que pase daquí en diante coas miñas ilusións
a nivel literario xa volo irei contando.
|