vb2pepecarballude.html
Nacín
na aldea de Rubín, na Estrada, Pontevedra. Tanta presa tiña por
chegar que me presentei o día da festa e xa comín á mesa cos
demais festexeiros.
Na nosa casa non había libros. Por
iso lin poucos contos de pequenos, pero teño sentido unha chea
de historias de lobos adoecidos, de pantasmas que volvían a este
mundo ou de mouros gardiáns de tesouros fabulosos. Cada día, á
hora de durmir, contábanme unha. Desde aquela sempre soñei con
ser quen de escribir contos coma aqueles.
Pero non podía escribir. Había
que estudiar.
Primeiro estiven nunha escola
rural, onde imperaba aquilo de que "a letra con sangue
entra". Aínda así aprendín a lista dos reis godos, os
ríos de Asia, as capitais de Europa e algunhas cousas de tanta
utilidade coma estas. Pouco de historia e xeografía de Galicia.
Seguramente porque o máis achegado ben se ve e non o hai que
estudiar.
Así fun tirando e conseguín
marchar para o instituto. En Ourense. Interno. O que mellor
recordo de alí son os guateques dos sábados pola tarde. Aqueles
bailes con rapazas doutros colexios da cidade foi para min todo
un descubrimento. Debín de quedar tan pampo coma cando o home
puxo o pé na lúa por primeira vez. Naquel internado aprendín
as sutiles artimañas para facer a petaca nas camas dos
compañeiros, a extratéxica técnica para loitar con almofadas
contra os colexiais dos outros cuartos ou as habilidosas artes de
brincar polas fiestras para mercar bocadillos de tortilla no
Eirociño. Tamén aprendín literatura, latín, grego, lingua,
francés... Alí fixen moitos dos mellores amigos que aínda
teño hoxe. E soñei as aventuras máis grandes que pode soñar
un neno. Sen dúbida a máis arelada era que chegasen as
vacacións para ir á casa. Ese día erguíame cedo e aló
marchaba para coller o Castromil. Choutaba polas rúas coma se me
tocase a lotería.
Pero aínda non podía escribir.
Había que estudiar.
Rematado o C.O.U. (era o segundo
ano que existía), pasei a Santiago. Matriculeime en Filoloxía
Clásica. O mundo dos gregos e latinos sempre me cautivou. Sen
embargo a carreira que me agardaba era outra cousa. Veña
teoría. Teoría de lingüística, teoría de literatura, teoría
de lingua. Teoría, teoría e teoría. Aínda así familiariceime
con Homero, Virxilio, Horacio, Tito Livio, Catulo, Tibulo,
Tácito, Heródoto, Platón e unha chea de escritores que me
acompañaron desde aquela.
Pero aínda non podía escribir.
Había que estudiar.
Por fin rematei a carreira e
comecei a traballar nun instituto de Badajoz. Daquela, coma
Sócrates, souben que non sabía nada e púxenme a aprendelo.
Exiliado en terras extremeñas, coma Castelao, entregueime ó
estudio con máis ansias ca método, con máis entusiasmo ca
orientación. E debín estudiar moito porque xa aquel mesmo ano
saquei agregadurías de latín e mandáronme para Vilagarcía.
Alí, ademais de ensinar a lingua do Lacio, tiven que dar
música. Pero eu de música non tiña nin idea e parecíame pouco
ético esixirlles ós demais o que tampouco sabía eu. Daquela
embarqueime de cheo en preparar catédras e saqueinas ó cabo de
dous anos. Destináronme a Carballo.
Daquela xa puiden escribir.
E comecei presentándome ó II
Concurso do Barco de Vapor, no que quedei finalista. Desde entón
estou enganchado na literatura. E niso sigo.
|