Rafael Dieste

(1899 - 1981)

 

 
Obras
Biografía
 
mb2rdieste.html

    Rafael Francisco Antonio Olegario Dieste Gonçalves naceu en Rianxo, en 1899. Matriculado en 1914 na Escola Normal de Compostela, interrompeu os seus estudos para viaxar a México, onde moraba un irmán seu. De regreso a Rianxo, finalizou a carreira e iniciou a súa relación coa literatura levando como compañeiro de viaxe a Manuel Antonio. Ambos coñeceron o federalismo e o nacionalismo a través do maxisterio de Vicente Risco.
    En 1921 foi enviado á guerra colonial en Marrocos, onde permaneceu até 1923. De regreso en Galiza, colaborou en varios xornais de Vigo: Faro de Vigo, Galicia e El Pueblo Gallego. Con oito dos relatos que foran publicados na imprensa, preparou a primeira edición de Dos arquivos do trasno (1926). Un ano despois vía a luz a peza dramática A fiestra valdeira. Coa súa lectura ingresaba, en 1927, no Seminario de Estudos Galegos.
    Dieste formou parte daquela nova xeración que se debateu entre a dedicación á causa galega e o desexo dun triunfo persoal máis amplo nas letras españolas. Así, en 1932 trasladouse a Madrid para iniciar a súa carreira como escritor. Foi animador nas Misións Pedagóxicas, e en 1933 encabezou a misión que visitou Galiza. Como bolseiro da Junta de Ampliación de Estudios da República, viaxou por Europa e a sublevación fascista sorprendeuno sendo director do Teatro Español de Madrid.
    Durante a contenda do 36 formou parte da Alianza de Intelectuais Antifascistas e colaborou na revista Nova Galiza. Seguiu a retirada republicana a Valencia e Barcelona para acabar marchando ao exilio en 1939. Despois dunha estadía en Uruguai, estableceuse en Bos Aires, onde traballou como director literario na Editora Atlántica. En 1948, viaxou por Europa como comisionado do Museo Nacional de Artes Plásticas de Montevideo, e aceptou un posto de lector de Lingua e Literatura Españolas na Universidade de Cambridge, ao que seguiría outro lectorado no Instituto Tecnolóxico de Estudios Superiores de Monterrei. En 1954 regresou a Bos Aires e á Editorial Atlántida, na que aparecerá a versión definitiva de A fiestra valdeira (1958).
    En 1961 voltou a Rianxo e, un ano despois, Dieste publicaba en Galaxia unha reedición de Dos Arquivos do Trasno, ampliando o número de contos. A mediados desa década instalouse na Coruña e en 1970 ingresou na Real Academia Galega como membro de número. Colaborou en diversas publicacións e foi requerido para participar en conferencias, homenaxes, mesas redondas... As súas intervencións nestes actos públicos foron recollidas no libro póstumo Encontros e vieiros (1990). En 1977 asinou o "Manifesto dos 29", reclamando o autogoberno para Galiza. Poucos meses antes da súa morte, acaecida en 1981, apareceu o volume Antre a terra e o ceo, que recolle artigos dos anos vinte publicados en El Pueblo Gallego.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega