Ram�n Armada Teixeiro

(1858 - 1920)

 

 
Obras
Biografía
 
mb4armadateixeiro.html

     Ramón Armada Teixeiro naceu na vila coruñesa de Santa Marta de Ortigueira en 1858. A finais da década de 70 emigrou a Bos Aires e posteriormente á Habana. Na capital de Cuba desenvolveu un labor incansábel e múltiple nos terreos social, docente, xornalístico, administrativo e literario.
     No eido xornalístico, fundou e dirixiu na Habana con Manuel Lugrís Freire A Gaita Gallega, publicación de carácter mensal redixida integramente en galego que chegou aos seus lectores entre os anos 1885 e 1889. Asimesmo, foi correspondente do Diario de la Marina e colaborou noutros xornais cubanos como La Tierra Gallega (1894-1896) ou en El Eco de Galicia, onde escribiu empregando decote os pseudónimos de Amador Marán e Chumín de Céltegos.
     Desempeñou, tamén, numerosos cargos na administración do Centro Galego da Habana: vicepresidente, director da sección de Instrución, vocal e secretario; foi, do mesmo xeito, membro colaborador da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega e exerceu como secretario do Casino Español da Habana e da Confederación de Colonias e Casinos Españoles.
     Canto á súa faceta literaria, Armada Teixeiro cultivou dous xéneros: o teatro e mais a poesía. A súa obra poética ficou recollida nos poemarios Caldo de grelos (1895), Aturuxos (1897) e Milicroques (poemas escritos entre 1901 e1906). Estes textos foron reunidos en 1918 nun volume intitulado Da terriña. No ámbito teatral foi moi popular o seu "apropóseto líreco dramáteco" ¡Non máis emigración! (1885). Esta obra, que é a primeira peza teatral en galego representada fóra de Galiza, estrenouse no Gran Teatro Tacón da Habana o 10 de Abril de 1886 con música de Felisindo Rego, e contou con tres edicións impresas que dan fe do éxito de público e crítica que acadou. Alén disto, deixou escrito o autor un breve monólogo que leva o título de Mexamorno en Viveiro. Falando solo (con retranca e sin ela) (1912).
     En 1899 retornou a Galiza para ocupar diferentes postos na administración municipal de Ortigueira e fundar El Eco de Ortigueira. No ano 1909 viaxou de novo á Habana, onde faleceu en 1920.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega