mb4armadateixeiro.html
Ramón Armada Teixeiro naceu
na vila coruñesa de Santa Marta de Ortigueira en 1858. A finais da década de
70 emigrou a Bos Aires e posteriormente á Habana. Na capital de Cuba
desenvolveu un labor incansábel e múltiple nos terreos social, docente,
xornalístico, administrativo e literario.
No eido xornalístico, fundou e dirixiu na Habana con Manuel
Lugrís Freire A Gaita Gallega, publicación de carácter mensal
redixida integramente en galego que chegou aos seus lectores entre os anos 1885 e 1889.
Asimesmo, foi correspondente do Diario de la Marina e colaborou noutros xornais
cubanos como La Tierra Gallega (1894-1896) ou en El Eco
de Galicia, onde escribiu empregando decote os pseudónimos de
Amador Marán e Chumín de Céltegos.
Desempeñou, tamén, numerosos cargos na
administración do Centro Galego da Habana: vicepresidente, director da sección de
Instrución,
vocal e secretario; foi, do mesmo xeito, membro colaborador da Asociación Iniciadora
e Protectora da Academia Galega e exerceu como secretario do Casino Español da
Habana e da Confederación de Colonias e Casinos Españoles.
Canto á súa faceta literaria, Armada Teixeiro
cultivou dous xéneros: o teatro e mais a poesía. A súa obra poética ficou
recollida nos poemarios Caldo de grelos (1895), Aturuxos (1897) e Milicroques
(poemas escritos entre 1901 e1906). Estes textos foron reunidos en 1918 nun
volume intitulado Da terriña. No ámbito teatral foi moi popular o seu
"apropóseto líreco dramáteco" ¡Non máis emigración!
(1885). Esta obra, que é a primeira peza teatral en galego representada fóra
de Galiza, estrenouse no Gran Teatro Tacón da Habana o 10 de Abril de 1886 con
música de Felisindo Rego, e contou con tres edicións impresas que dan fe do
éxito de público e crítica que acadou. Alén disto, deixou escrito o autor un breve
monólogo que leva o título de Mexamorno en Viveiro. Falando solo (con
retranca e sin ela) (1912).
En 1899 retornou a Galiza para ocupar diferentes postos
na administración municipal de Ortigueira e fundar El Eco de Ortigueira.
No ano 1909 viaxou de novo á Habana, onde faleceu en 1920.
|