Ramón Caride Ogando
Ramón
Caride Ogando (Cea, Ourense, 1957), biólogo e profesor de ensino medio, é
autor dunha extensa obra narrativa, recoñecida pola crítica e os lectores, con
novelas como a triloxía de sombras e de lume, integrada por Soños
eléctricos (Premio Blanco Amor, 1992), unha das primeiras obras de
fantasía científica escritas en galego; Sarou, centrada no submundo do
narcotráfico (Premio Café Dublín, 1997); e a recente O Sangue dos camiños
(Premio Risco de Literatura Fantástica, 2003), de inminente publicación en
portugués e español; e con antoloxías como Negros Espellos (2001) ou Escáner
(2002). Como autor de relatos publicou tamén os volumes: Os ollos da noite
(1990); Crónica de sucesos (1991); Lumefrío (1994); Fendas no
tempo (1995); A incerteza dos paraísos (2000) e Boca da noite
(2003). É coautor de varios libros colectivos de narrativa como Narradores
de cine (1996), Novo do Trinque (1997), E dixo o corvo... (1997),
Parnasur (1998), Palabras con fondo (2000), Historias para
calquera lugar (2001), Longa língua (2002), ou Narradio
(2003), entre outros.
Como poeta, os seus últimos libros son Flor no
deserto (Premio Cidade de Ourense 1994), Xeografías do sal (accésit
González Garcés 1998) e Diacrónica (2002). Estes e outros poemarios
recóllense no recompilatorio As máscaras de Crono (Poemas 1994-2002).
Animador de múltiples actividades culturais, foi o
primeiro presidente (1994-97) da asociación cultural "A Santa
Compaña" de Cambados, onde reside; e un dos promotores da revista
homónima. Ten desenvolvido unha intensa actividade xornalística dende os anos
oitenta, sendo columnista en distintos xornais (El Mundo, Faro de Vigo, O Correo
Galego), creador de series xornalísticas: Blues da fronteira (La Voz de
Galicia), O libro de area (Faro de Vigo), e colaborador en suplementos
culturais (Galicia Literaria, Faro das Letras, La Ría del Ocio, Arousa-Un mar
de cultura). Poemas, relatos e colaboracións súas aparecen tamén en escolmas,
antoloxías, revistas literarias e congresos dentro e fóra de Galiza.
Na súa producción infantil e xuvenil, marcada sempre
pola problemática ecolóxica, aparecen títulos como: Micifú e os seus
amigos (2000); Ruki, o rato robot (2003); e a peza teatral Historia
dunha sobreira (2001); destacando a serie As aventuras de Said e Sheila,
ilustrada por Miguelanxo Prado que recentemente apareceu completa con este
título, no seu primeiro ciclo (Xerais, 2001). Sheila e Said representaron unha
auténtica novidade dentro do sistema literario galego, obtendo unha grande
acollida entre o público xuvenil, desde a primeira entrega da serie, Perigo
vexetal (Premio Merlín, 1995), obtendo un éxito inmediato, con sucesivas
reedicións e traduccións ó euskera, español e portugués. A esta obra
seguiron Ameaza na Antártid a(1997) e O futuro Roubado (1999). A
cuarta entrega da serie, A negrura do mar, actualmente no prelo,
publicaráse simultáneamente en Portugal e Galiza; e marcará o comezo do
segundo ciclo destes personaxes.
|