Ram�n Caride Ogando


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
Ramón Caride Ogando

     Ramón Caride Ogando (Cea, Ourense, 1957), biólogo e profesor de ensino medio, é autor dunha extensa obra narrativa, recoñecida pola crítica e os lectores, con novelas como a triloxía de sombras e de lume, integrada por Soños eléctricos (Premio Blanco Amor, 1992), unha das primeiras obras de fantasía científica escritas en galego; Sarou, centrada no submundo do narcotráfico (Premio Café Dublín, 1997); e a recente O Sangue dos camiños (Premio Risco de Literatura Fantástica, 2003), de inminente publicación en portugués e español; e con antoloxías como Negros Espellos (2001) ou Escáner (2002). Como autor de relatos publicou tamén os volumes: Os ollos da noite (1990); Crónica de sucesos (1991); Lumefrío (1994); Fendas no tempo (1995); A incerteza dos paraísos (2000) e Boca da noite (2003). É coautor de varios libros colectivos de narrativa como Narradores de cine (1996), Novo do Trinque (1997), E dixo o corvo... (1997), Parnasur (1998), Palabras con fondo (2000), Historias para calquera lugar (2001), Longa língua (2002), ou Narradio (2003), entre outros.
     Como poeta, os seus últimos libros son Flor no deserto (Premio Cidade de Ourense 1994), Xeografías do sal (accésit González Garcés 1998) e Diacrónica (2002). Estes e outros poemarios recóllense no recompilatorio As máscaras de Crono (Poemas 1994-2002).
     Animador de múltiples actividades culturais, foi o primeiro presidente (1994-97) da asociación cultural "A Santa Compaña" de Cambados, onde reside; e un dos promotores da revista homónima. Ten desenvolvido unha intensa actividade xornalística dende os anos oitenta, sendo columnista en distintos xornais (El Mundo, Faro de Vigo, O Correo Galego), creador de series xornalísticas: Blues da fronteira (La Voz de Galicia), O libro de area (Faro de Vigo), e colaborador en suplementos culturais (Galicia Literaria, Faro das Letras, La Ría del Ocio, Arousa-Un mar de cultura). Poemas, relatos e colaboracións súas aparecen tamén en escolmas, antoloxías, revistas literarias e congresos dentro e fóra de Galiza.
     Na súa producción infantil e xuvenil, marcada sempre pola problemática ecolóxica, aparecen títulos como: Micifú e os seus amigos (2000); Ruki, o rato robot (2003); e a peza teatral Historia dunha sobreira (2001); destacando a serie As aventuras de Said e Sheila, ilustrada por Miguelanxo Prado que recentemente apareceu completa con este título, no seu primeiro ciclo (Xerais, 2001). Sheila e Said representaron unha auténtica novidade dentro do sistema literario galego, obtendo unha grande acollida entre o público xuvenil, desde a primeira entrega da serie, Perigo vexetal (Premio Merlín, 1995), obtendo un éxito inmediato, con sucesivas reedicións e traduccións ó euskera, español e portugués. A esta obra seguiron Ameaza na Antártid a(1997) e O futuro Roubado (1999). A cuarta entrega da serie, A negrura do mar, actualmente no prelo, publicaráse simultáneamente en Portugal e Galiza; e marcará o comezo do segundo ciclo destes personaxes.

[Maio, 2004]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega