Ram�n de Valenzuela

(1914 - 1980)

 

 
Obras
Biografía
 
mb3ramondevalenzuela.html

     Ramón de Valenzuela Otero naceu en Silleda (Pontevedra) en 1914. Estudou o Bacharelato en Compostela e principiou a súa etapa universitaria na Facultade de Dereito (1931-1932), acabando logo na Facultade de Filosofía e Letras. Un ano despois ingresou por oposición nunha escola de Pontevedra, onde continuou os tres cursos perceptivos de Maxisterio; foi nomeado mestre en Vigo, mais non puido exercer polo inicio da guerra. Sería en 1945 cando voltase aos estudos universitarios para se licenciar en Filosofía e Letras en 1947. Por volta dos anos 1934 e 1935 dedicouse a narrar contos populares en teatros e en Radio Pontevedra. Con só dezaseis anos xa organizara unha escola para adultos onde as aulas se impartían en galego; formou parte aquí con Álvaro das Casas do grupo galeguista Ultreya.
     Colaborador do Seminario de Estudos Galegos e militante do Partido Galeguista foi detido e encarcerado na casa do concello de Silleda en 1936. Tras saír do cárcere decidiu militarizarse como voluntario no bando franquista; en 1937, destinado en Cáceres, pasou ao bando republicano.
     Dous anos máis tarde, na súa fuxida a Francia, estivo internado nun campo de concentración e desde alí escribiu á Sociedad Pro-Escuelas de Bandeira en Bos Aires, para solicitar axuda. Xa recuperada a liberdade, colaborou co exército francés até que a policía alemana o devolveu ás tropas franquistas españolas, que o condenaron a morte, confinándoo nunha cárcere de Ávila. En 1949, conseguido xa o indulto, emigrou a Bos Aires avalado pola Sociedad Pro-Escuelas de Bandeira. Alí traballou de crítico literario nas revistas La Gaceta de Tucumán e Galicia Emigrante (dirixida por Luís Seoane) e impartiu aulas de Xeografía Galega durante tres cursos na Asociación Gallega de Universitarios y Artistas, colectivo do que formou parte.
     Ramón de Valenzuela desenvolveu unha importante actividade cultural no Ateneo de Curros Enríquez, da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires, ademais de pronunciar múltiples conferencias en diversas Institucións Galegas da Arxentina e Uruguai. En 1957 publicou a súa primeira novela, Non agardei por ninguén, na editorial Citania de Bos Aires. Nesta mesma editorial, anos máis tarde, sairía á luz a segunda e derradeira novela autobiográfica, Era tempo de apandar (1980).
     Como autor teatral estreou As bágoas do demo (1964) no Teatro Castelao do Centro Galego de Bos Aires. Esta obra representou o derradeiro intento dos exiliados por manter o teatro galego na emigración.
     Regresou a España dous anos despois e dedicouse á docencia en Madrid no Círculo de Estudios Galegos. En 1974 escribiu O Naranxo, unha escolma de relatos que xa publicara con anterioridade e deu numerosas conferencias, entre elas a polémica Historia do galeguismo político (1976) pronunciada na Facultade de Económicas de Santiago de Compostela e publicada ese mesmo ano en Edicións Akal.
     Ramón de Valenzuela faleceu en Sanxenxo en 1980.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega