Especial
Día das Letras Galegas 2020: Ricardo Carvalho Calero
Ricardo
Carvalho Calero naceu no ano 1910 en Ferrol, onde comezou a publicar
os seus primeiros versos. Tras cursar por libre o Bacharelato,
trasladouse a Compostela para estudar Dereito e Filosofía e Letras e
cumprir co servizo militar. Aquí entrou en contacto co galeguismo e
cos movementos culturais da altura, nomeadamente co Seminario de
Estudos Galegos. Foi este un momento de intensa militancia política
xa que se integrou no movemento nacionalista e tomou parte no
activismo estudantil. Até 1932, en que ganou unha praza de
funcionario municipal na súa vila natal, Carvalho Calero enviou
numerosas colaboracións ás máis destacadas revistas literarias
(A Nosa
Terra, Nós, Guión, Galiza, Resol, Universitarios, Papel
de Color) e principiou a
publicación dos seus libros poéticos, primeiro en español e
despois en galego.
O
golpe militar sorprendeuno en Madrid e Carvalho posicionouse no bando
republicano, entrando en combate como miliciano. Unha vez terminado o
conflito, foi encarcerado, condenado por separatista e recluído no
cárcere de Jaén. En 1941 o escritor regresou á súa cidade con
liberdade condicional. Imposibilitado para exercer a función
pública, refuxiouse no ensino privado (entre 1950 e 1965 no Colexio
Fingoi de Lugo), continuando coa escrita en galego en todos os
xéneros e restablecendo aos poucos o contacto cos galeguistas que
ficaran no país. Paralelamente ao seu labor docente, desenvolveu
nestes anos un importantísimo traballo investigador -iniciado coa
súa tese de doutoramento, "Aportaciones a la literatura gallega
contemporánea"- que tivo como froito máis valioso a publicación
en 1963 da Historia da
literatura galega contemporánea.
Tamén nesta época, en 1958, ingresou na Real
Academia Galega co discurso "Contribución ao estudo das fontes
literarias de Rosalía". En
1963 obtivo por oposición a praza de adxunto no Instituto Rosalía
de Castro, en Santiago de Compostela, e en1972 superou as probas que
o converteron en titular da cátedra de Lingüística e Literatura
Galega.
Os
estudos de Carvalho atinxiron igualmente a lingua. Recollendo a
herdanza dos autores do Segundo Renacemento, Carvalho Calero,
preocupado pola coherencia histórico-lingüística do galego e a
pesar da férrea oposición que encontrou no camiáo, mostrouse
defensor das teses etimoloxistas que terán continuidade no movimento
reintegracionista, feito que lle custaría ser marxinado nos últimos
anos da súa vida. Así mesmo, desenvolvería un amplo labor como
editor dos clásicos galegos e como atento analista da realidade
sociolingüística da Galiza.
Ademais
da súa extensísima obra ensaística, cultivou a poesía (Vieiros,
1931; O
silenzo axionllado, 1934; Anxo de terra,
1950; Poemas
pendurados dun cabelo,
1952; Salerio
de Fingoy, 1961; Pretérito
Imperfeito,
1980; Futuro
condicional,1982; Cantigas
de amigo e outros poemas,
1986; Reticencias...,
1990), o teatro (Catro
pezas: A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do
prisioneiro,
1971; Teatro
Completo,
1982) e a narrativa (Xente
da Barreira,
1951; Scórpio,
1987).
Pouco
tempo despois de ser nomeado Fillo Predilecto de Ferrol, faleceu en
Compostela no ano 1990.
|