Roberto Blanco Torres

(1891 - 1936)

 

 
Obras
Biografía
 
Blanco Torres. html

     O poeta e xornalista Roberto María Blanco Torres naceu en 1891 no lugar dos Baños, pertencente ao concello pontevedrés de Cuntis. Non frecuentou a escola, mais recibiu do pai, ex-seminarista, unha formación centrada en lingua e literatura latinas, que continuou de maneira autodidacta e ficou plasmada na súa escrita.
     Tras a morte dos pais, Roberto emigrou en 1906 a Cuba, onde moraban desde había tempo dous irmáns seus. Axiña demostrou o seu gosto pola poesía e pola actividade xornalística, colaborando desde moi novo na imprensa galega e cubana da illa. Despois dun ano de estadía en Cuba publicou dous poemas de amor en galego ("Dous toliños" e "O amor") e un artigo ("¡Intolerable!") na revista Follas Novas. Xa con vinte anos, dirixiu o semanario bilingüe La Alborada e catro anos máis tarde fíxose cargo de La Tierra Gallega, tamén redixido na nosa lingua e en español. Así mesmo enviou artigos desde A Habana a outras publicacións americanas (a arxentina Suevia, por exemplo) e peninsulares (Vida Gallega, La Publicidad, La Tribuna) e tivo a oportunidade de contactar coa intelectualidade do país (Curros Enríquez, José Castro "Chané", Cabanillas, Armada Teixeiro, Antón Vilar Ponte, Xulio Sigüenza), fundamentalmente a través da tertulia do café La Puerta del Sol.
     No ano 1916 Blanco Torres (que tamén escribiu baixo os pseudónimos Fray Roblanto, Manrique Crespo e Cirilo Crespo) voltou a terras galegas (Ourense, Pontevedra, Vigo), onde proseguiu coa súa carreira xornalística. Desde este momento e até a súa morte dirixiría varias publicacións periódicas (El Noroeste, El Correo Gallego, La Zarpa, Progreso, La República, El País e a revista Ser) e interviría noutras empresas de dentro do país (Galicia, El Pueblo Gallego, Nós, Galicia Nueva, El Compostelano) e de fóra (El Sol), durante a súa estadía en Madrid.
     Establecido definitivamente en Galiza, foi retomando a pouco e pouco a súa relación co galeguismo, aínda que non deixou de escribir para América (Cultura Gallega, Terra, Céltiga, Galicia, Raza Celta). Ingresou nas Irmandades da Fala, asistindo á I Asemblea, celebrada en Lugo en 1918, como representante da Coruña. Participou activamente nas posteriores convocatorias asamblearias da organización, chegando a ser nomeado conselleiro de publicidade. A súa pluma estaría presente aínda nas publicacións nacionalistas (A Nosa Terra, Nós, Rexurdimento) e, a partir do golpe de Estado de Primo de Rivera (1923), centraría os seus esforzos en burlar a censura política exercida nos xornais, sobre todo desde o seu posto de vocal na Asociación da Imprensa de Vigo —cargo que ostentaba desde 1930—.
     A finais da década de vinte apareceu recollida en volume a súa obra literaria, constituída polo poemario Orballo da media noite (1929), o de maior contido civil da lírica galega da altura, e De esto y de lo otro (1930), unha compilación de diversos artigos e escritos ensaísticos en español, a maior parte deles xa publicados. A preocupación social de Blanco Torres ficou patente tanto nos seus versos (algúns con tintes avangardistas) como na súa producción en prosa, que xira á volta de temas varios: o mundo político, o galeguismo, a emigración, a lingua da Galiza, a literatura, a filosofía... "Tres discursos â mocedade galega" e un romance en español ficarían inéditos.
     Paralelamente o pontevedrés desenvolveu un considerábel labor político dentro da esfera republicana, sempre próximo a posturas galeguistas. En 1930 asinou o Pacto de Lestrove —promovido pola Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA)— e no ano seguinte acudiu á Asemblea pro Estatuto convocada pola ORGA na Coruña —onde se trataría a posibilidade de creación dun partido nacionalista galego—. Chegou a formar parte tamén da estrutura política republicana, sendo designado en 1932 gobernador civil de Palencia.
     Cando se produciu o levantamento armado de 1936, estaba a ocupar o posto de xefe do Gabinete de Imprensa do Ministerio de Gobernación e viña de presidir na capital española un mitin de apoio ao Estatuto de Autonomía galego. Nestas circunstancias Blanco Torres, excelente comunicador e político destacado, caeu preso na súa casa de Amido, na Peroxa (Ourense), sendo transladado ao cárcere ourensán. Meses despois sería "paseado" na aldea ourensá de San Fiz de Galez, en Entrimo. Enterrado nunha fosa común, ningunha indicación permite coñecer o lugar exacto da súa sepultura. Á súa figura dedicouse o Día das Letras Galegas de 1999.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega