Blanco Torres. html
O poeta e xornalista
Roberto María Blanco Torres naceu en 1891 no lugar dos Baños, pertencente ao
concello pontevedrés de Cuntis. Non frecuentou a escola, mais recibiu do pai,
ex-seminarista, unha formación centrada en lingua e literatura latinas, que
continuou de maneira autodidacta e ficou plasmada na súa escrita. Tras a morte dos pais, Roberto emigrou
en 1906 a Cuba, onde moraban desde había tempo dous irmáns seus. Axiña demostrou
o seu gosto pola poesía e pola actividade xornalística, colaborando desde moi
novo na imprensa galega e cubana da illa. Despois dun ano de
estadía en Cuba publicou dous poemas de amor en galego ("Dous toliños" e "O
amor") e un artigo ("¡Intolerable!") na revista Follas Novas. Xa con
vinte anos, dirixiu o semanario bilingüe La Alborada e catro anos máis
tarde fíxose cargo de La Tierra Gallega, tamén redixido na nosa lingua
e en español. Así mesmo enviou artigos desde A Habana a outras publicacións
americanas (a arxentina Suevia, por exemplo) e peninsulares (Vida
Gallega, La Publicidad, La Tribuna) e tivo a oportunidade
de contactar coa intelectualidade do país (Curros
Enríquez, José Castro "Chané", Cabanillas,
Armada
Teixeiro, Antón Vilar
Ponte, Xulio Sigüenza),
fundamentalmente a través da tertulia do café La Puerta del Sol. No ano 1916 Blanco Torres (que tamén
escribiu baixo os pseudónimos Fray Roblanto, Manrique Crespo e Cirilo Crespo)
voltou a terras galegas (Ourense, Pontevedra, Vigo), onde proseguiu coa súa
carreira xornalística. Desde este momento e até a súa morte dirixiría varias
publicacións periódicas (El Noroeste, El Correo Gallego, La Zarpa, Progreso,
La República, El País e a revista Ser) e interviría
noutras empresas de dentro do país (Galicia, El Pueblo Gallego, Nós, Galicia
Nueva, El Compostelano) e de fóra (El Sol), durante a súa estadía
en Madrid. Establecido
definitivamente en Galiza, foi retomando a pouco e pouco a súa relación co
galeguismo, aínda que non deixou de escribir para América (Cultura
Gallega, Terra, Céltiga, Galicia, Raza Celta).
Ingresou nas Irmandades da Fala, asistindo á I Asemblea, celebrada en Lugo en
1918, como representante da Coruña. Participou activamente nas posteriores
convocatorias asamblearias da organización, chegando a ser nomeado conselleiro
de publicidade. A súa pluma estaría presente aínda nas publicacións
nacionalistas (A Nosa Terra, Nós, Rexurdimento) e, a partir do golpe de
Estado de Primo de Rivera (1923), centraría os seus esforzos en burlar a censura
política exercida nos xornais, sobre todo desde o seu posto de vocal na
Asociación da Imprensa de Vigo cargo que ostentaba desde 1930. A finais da década de vinte apareceu
recollida en volume a súa obra literaria, constituída polo poemario
Orballo da media noite (1929), o de maior contido civil da
lírica galega da altura, e De esto y de lo otro (1930), unha
compilación de diversos artigos e escritos ensaísticos en español,
a maior parte deles xa publicados. A preocupación social de Blanco
Torres ficou patente tanto nos seus versos (algúns con tintes avangardistas)
como na súa producción en prosa, que xira á volta de temas varios: o mundo
político, o galeguismo, a emigración, a lingua da Galiza, a literatura, a
filosofía... "Tres discursos â mocedade galega" e un romance en español ficarían
inéditos. Paralelamente o
pontevedrés desenvolveu un considerábel labor político dentro da esfera
republicana, sempre próximo a posturas galeguistas. En 1930
asinou o Pacto de Lestrove promovido pola Organización Republicana Galega
Autónoma (ORGA) e no ano seguinte acudiu á Asemblea pro Estatuto convocada pola
ORGA na Coruña onde se trataría a posibilidade de creación dun partido
nacionalista galego. Chegou a formar parte tamén da estrutura política
republicana, sendo designado en 1932 gobernador civil de Palencia. Cando se produciu o levantamento
armado de 1936, estaba a ocupar o posto de xefe do Gabinete de Imprensa do
Ministerio de Gobernación e viña de presidir na capital española un mitin de
apoio ao Estatuto de Autonomía galego. Nestas circunstancias Blanco Torres,
excelente comunicador e político destacado, caeu preso na súa casa de Amido, na
Peroxa (Ourense), sendo transladado ao cárcere ourensán. Meses despois sería
"paseado" na aldea ourensá de San Fiz de Galez, en Entrimo. Enterrado nunha fosa
común, ningunha indicación permite coñecer o lugar exacto da súa sepultura. Á
súa figura dedicouse o Día das Letras Galegas de 1999.
|