mb3tomasbarros.html
Tomás Barros Pardo
naceu en Toledo en 1922. Fillo de pais coruñeses, cursou estudos de
Bacharelato Superior e Maxisterio en Ferrol. Exerceu como mestre en varias
escolas e posteriormente transladouse a Madrid para se licenciar en Belas Artes. Despois
de traballar como profesor, gañou a cátedra de Debuxo e a partir de 1972
impartiu aulas na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB da
Coruña, compaxinando a docencia coa literatura e a pintura.
Membro correspondente da Real Academia Galega e
candidato a membro da Academia de Belas Artes, compartiu inquedanzas con outros
intelectuais da época como Luís
Seoane, Rafael
Dieste, Vicente Aleixandre,
Celso Emilio Ferreiro ou Isaac Díaz
Pardo.
Autor dos poemarios Gárgolas (1950), Berro
diante da morte (1964), Abraio (1978) e Vieiro de Señardade
(editado postumamente en 1987), no ano 1952 fundou, en colaboración cos poetas
ferroláns Mario Couceiro e Miguel Vidal, a Revista de Poesía e Crítica Aturuxo.
En 1975, con Luz
Pozo, creou e dirixiu na Coruña a Revista de Poesía Nordés.
Como autor teatral escribiu Panteón Familiar
(1955), O dragón (1972), Tres pezas de teatro (1981), O home
que gabeou o cume (1984), A casa abandoada (1985) e Fausto,
Margarida e Aqueloutro (que se daría a coñecer en 1993).
Faleceu na Coruña en 1986.
|