vb2tuchocalvo.html
Tucho
Calvo (José Benito Calvo Rego, La Guaira-Venezuela, 1954). Fillo
de pais emigrantes, chega a Galicia polo porto de Vigo na viaxe
do trasatlántico Santa María que seguíu ó seu secuestro por
Galbao e o comandante Sotomayor, para pasa-la súa infancia en
Loiba-Ortigueira. Accede ao xornalismo pola vía profesional e cursa estudios que non remata de Filosofía e
Letras en Santiago e de Periodismo en Madrid, simultaneando xa
estes co traballo en diversos medios. Xornalista vencellado a
La Voz de Galicia dende 1976 ata 2010, nela exerceu os máis diversos
cargos, dende auxiliar de redacción a redactor xefe de deportes durante oito
anos, de Cultura ou de Accións Especiais.
Comezou no mundo da prensa
en El Correo Gallego, do que sería despedido tras
esixir da dirección que se informase obxectivamente do conflicto
planteado cando o alcalde compostelano e asesor xurídico da
empresa editora, Antonio Castro, afirmou que Castelao non
merecía nin unha conferencia e suscitou a reacción dos
intelectuais galegos encabezados por Otero
Pedrayo. Colaboraría
posteriormente, entre outros medios, en La Región, Arriba,
Opinión, Ciudadano, Radio Francia
Internacional e El Pais.
A mediados dos 80, dirixiu durante
unha breve etapa o diario La Crónica de León.
Como escritor deuse a coñecer con
Froito das lembranzas (Edicións do Cerne, 1981), que
acadou o Premio Galicia daquela o de maior dotación
económica no país en xullo de 1980. A súa segunda novela
foi PAE-Século XXI. No comenzo dunha nova historia da
humanidade (Edicións do Cerne, 1982).
Dende que en 1977 recibiu o
terceiro premio no concurso de contos infantís de O Facho,
merece o recoñecemento de certames como o Modesto R. Figueiredo
(1980 e 1981) e O Meco (1983). Relatos seus publícanse en Man
Común (1981), La Pluma (1981) e Sapoconcho (1995). A maioría
deles agrúpanse en Astra o confín (Ediciós do
Castro, 1983), que ilustrou Xaime Quessada.
No 1988, Ediciones Júcar
encárgalle un texto para a súa colección S.O.S. tu libro
juego de aventuras que se titularía El laberinto de
Krochne. O seu traballo literario deixou de ter unha
proxección exterior deica Telúrico (Espiral Maior,
1997).
Publica na Biblioteca Gallega
O legado xornalístico de Valentín Paz-Andrade
(1977) e encárgase no xornal da edición de Murguía e La
Voz de Galicia (2000), do que se fixo unha tirada sen
precedentes en Galicia 150.000 exemplares para
agasallar co periódico o Día das Letras Galegas. Con él ábrese
unha colección que inclúe títulos sobre Eladio
Rodríguez,
Cunqueiro e Curros.
A finais do 1998 firmou a
biografía Valentín Paz-Andrade, a memoria do
século (O Castro), que tería unha segunda edición revisada en 2011
(Biblos). Participou previamente en traballos
colectivos de homenaxe a Blanco Amor e Laxeiro.
Luz de abrente
(Galaxia, 1999) aparece nun ano no que tamén participa no libro
de relatos colectivo Deixade pois que voe o Paporroibo, que
nos conte contos.
A partir de agosto de 2000 coordina
en La Voz de Galicia unha experiencia de enorme
éxito, as Páxinas literarias, na que participan ese
ano máis de setecentos lectores cos seus relatos, 31 autores
consagrados e na que se publica por capítulos a súa novela
O xabaril branco con ilustracións de Miguelanxo
Prado. Esta, difundida tamén a través da páxina web do
periódico, convértese na primeira novela en galego que se puido
baixar da rede en formato PDF. A súa aparición en libro fíxose
da man da editorial Ir Indo, e posteriormente formando parte da
Biblioteca Galega 120 de La Voz, unha colección que dirixe no
ano 2002 e que acada unha popularidade sen precedentes que logo terá o seu complemento en dúas
novas coleccións, a Biblioteca Gallega de Autores en Castellano (2004) e a
Biblioteca Galega de Clásicos Universais (2005). Tamén Biblos lanzou unha
edición de "O xabaril branco" da que Gadis distribuíu sete mil exemplares
ademais de publicala en castelán para os centros de fóra de Galicia.
En maio do 2002 coordina o
relanzamento da revista de banda deseñada Golfiño
con La Voz de Galicia. A súa aparición semanal captou de
partida a máis de dez mil lectores.
Ir indo publicoulle o relato
infantil A castaña que chegou a árbore, con
ilustracións de Pitón, e Kalandraka editou
Gatipedro, un libro que ilustrou Antonio Caíña e
que inclúe un cd cunha peza do compositor Javier Santacreu
interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia, con Santiago
Fernández como narrador.
Corazón entre desertos
(Ir Indo) é un libro de relatos que
recolle a súa producción neste eido dos últimos quince anos,
desque aparecera Astra o confín. Tamén hai unha edición de Biblos de
2009.
En marzo do 2002 lanza con Carmela González Boó o
proxecto Biblos Clube de Lectores e a colección Mandaio (pensada especialmente
para os seus socios), coa idea de facer visibles a produción cultural galega
(libros, discos, cine...) e portuguesa, así como os seus protagonistas.
A novela de terror "Formigas", da que Gadis distribuíu trinta mil exemplares
entre os seus clientes o Día das Letras Galegas do 2012, e o álbum infantil
"Paxaro de mar e vento", ilustrado por Xosé Cobas (ambas en Biblos), son os seus
últimos traballos publicados.
|