Valent�n Paz-Andrade

(1898 - 1987)

 

 
Obras
Biografía
 
mb4xocas.html

     Valentín Paz-Andrade (Lérez, Pontevedra 1898-Vigo, 1987) exerceu como xurista, político e escritor galego. Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e licenciouse en 1921. Introduciuse no mundo da literatura por medio do seu tío, o poeta Xoán Bautista Andrade. Este último presentoulle a Castelao, que influiría de forma relevante na súa obra.
     Canto á súa actividade política, pasou a formar parte do movemento galeguista e en 1919 participou na II Asamblea Nacionalista. Foi presidente do Grupo Autonomista Gallego (1930) e militante e secretario, desde 1934, do Partido Galeguista. Foi candidato ás Cortes Constituíntes de 1931 e participou na redación do Estatuto de Galicia (1936).
Xa na época da Restauración Borbónica fixo parte da Xunta Democrática, da Comisión dos 10 e da Plataforma de Organizaciones Democráticas. Asimesmo, foi senador por Pontevedra pola Candidatura Democrática Gallega nas Cortes Constituíntes (1977-1978).
     Grazas ao seu labor como xurista axudou, durante a Guerra Civil Española a moitos galeguistas a fuxir e defendeunos das penas que se lles imputaban. Foi desterrado a Verín, Castro Caldelas, A Pobra de Trives e finalmente a Badaxoz. Foi detido varias veces debido aos seus artigos e á súa orientación política.
     A respecto da súa actividade xornalística, cómpre mencionar que foi director do xornal Galicia (1922-1926), colaborador da Gaceta de Galicia, publicou tamén artigos políticos en El Pueblo Gallego, ademais de no Faro de Vigo e no xornal La Noche. Alén disto, foi director da revista Industrias Pesqueras (1942).
     Foi colaborador en O Ensino, Grial e Outeiro elaborando artigos literarios, nomeadamente sobre Castelao. Tamén redixiu artigos de carácter económico e político en El País, La Vanguardia e en Industrias Conserveras.
     Foi un dos principais promotores e logo vicepresidente do grupo industrial Pescanova. Exerceu tamén como técnico da FAO. Debido a isto publicou o primeiro tratado sobre Principios de economía pesquera (1954).
     Cómpre destacar o seu papel de escritor polifacético pois escribiu ensaios literarios, históricos e económicos, mostrando a súa preocupación polo progreso de Galicia, así como tamén redactou diversas obras especializadas en temas pesqueiros.
     Porén, non só se dedicou ao ensaio, pois Valentín Paz-Andrade formou parte, asemade, da Xeración poética de 1925 onde observamos unha importante orientación patriótica. Algunhas das súas obras poéticas son Pranto Matricial (1954), Sementeira do Vento (1968) e Cen chaves de sombra (1979). Tamén fixo algunha incursión pola narrativa coa obra inédita Soldado da morte (1921).
     Como consecuencia de todo o seu labor, tanto xornalístico como literario foi galardoado en númerosas ocasións: en 1964 foi elixido membro da Real Academia Galega e da Academia Galega das Ciencias, recibiu o Pedrón de Ouro en 1975 e o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (1986), entre outros.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega